A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 14,00 h. de hoxe

Evoluciona favorablemente o lume de Ribas de Sil-Ribas de Sil, que tamén afecta os concellos de Quiroga e A Pobra do Brollón

A superficie afectada por este incendio, no que segue decretada como medida preventiva a Situación 2, rolda as 1.450 hectáreas

Continúa activo o outro lume iniciado o pasado domingo neste mesmo municipio, na parroquia de Nogueira, que afecta unha superficie provisional de 140 hectáreas

Está controlado o lume do concello ourensán de Chandrexa de Queixa (Requeixo), que afecta unha superficie de arredor de 50 hectáreas
 

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 14,00 h. de hoxe.

Ribas de Sil

Evoluciona favorablemente o lume iniciado en Ribas de Sil (parroquia homónima), que tamén afecta os municipios de Quiroga e da Pobra do Brollón. A superficie afectada por este incendio rolda as 1.450 hectáreas, segundo as últimas estimacións. Este lume continúa en Situación 2, unha medida preventiva declarada inicialmente pola proximidade do incendio ao núcleo de Rairos e que se mantén por precaución.

O lume comezou ás 12,47 h. de onte e permanece activo. Ata o momento mobilizáronse para controlalo 8 técnicos, 18 axentes, 64 brigadas, 24 motobombas, 5 pas, 8 avións e 14 helicópteros. Tamén participan nos labores de extinción persoal e medios da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Permanece tamén activo o lume iniciado ás 21,42 h. do domingo neste mesmo concello, parroquia de Nogueira. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de arredor de 140 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o de agora 6 técnicos, 17 axentes, 35 brigadas, 27 motobombas, 5 pas, 7 avións e 6 helicópteros.

Chandrexa de Queixa

Está controlado desde as 12,33 h. de hoxe o lume iniciado onte ás 11,38 h. no concello ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que afecta segundo as últimas estimacións unha superficie de arredor de 50 hectáreas. No seu control levan participado 1 técnico, 11 axentes, 32 brigadas, 20 motobombas, 2 pas, 1 helicóptero e 2 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 07/09/2021