A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 21,30 h. de hoxe

Extinguido o lume do concello ourensán de Chandrexa de Queixa (Requeixo), que afectou finalmente unha superficie de 122 hectáreas de monte raso

Permanecen estabilizados os dous lumes rexistrados no concello lugués de Ribas de Sil, que afectan 1.450 e 140 hectáreas de superficie

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 21,30 h. de hoxe.

Chandrexa de Queixa

Extinguido ás 20,51 h. desta tarde o lume rexistrado onte ás 11,38 h. no concello ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo. A última medición feita con GPS indica que a superficie afectada foi de 122 hectáreas de monte raso. Na súa extinción traballaron 1 técnico, 13 axentes, 34 brigadas, 21 motobombas, 2 pas, 1 helicóptero e 2 avións.

Ribas de Sil

Permanece estabilizado desde as 16,26 h. o lume iniciado onte ás 12,47 h. en Ribas de Sil (parroquia homónima), que tamén afecta os municipios de Quiroga e da Pobra do Brollón. A superficie afectada por este incendio rolda as 1.450 hectáreas, segundo as últimas estimacións. Ademais, xa foi desactivada a Situación 2 ao non haber perigo para núcleos de poboación. Ata o momento mobilizáronse para controlalo 13 técnicos, 30 axentes, 87 brigadas, 40 motobombas, 5 pas, 8 avións e 14 helicópteros. Tamén participaron nos labores de extinción persoal e medios da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Tamén segue estabilizado desde as 16,26 h. o lume iniciado ás 21,42 h. do domingo neste mesmo concello, parroquia de Nogueira. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de arredor de 140 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o de agora 6 técnicos, 17 axentes, 35 brigadas, 27 motobombas, 5 pas, 7 avións e 6 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 07/09/2021