A Xunta pon en marcha o Hub Audiovisual da Industria Cultural cunha primera achega de 2M€ para a atracción de rodaxes

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade presentoulle ao sector as liñas mestras deste “programa de apoio sen precedentes”, que suporá unha inxección de 9,6M€ ata 2023 a través do fondo europeo FEDER dentro do Eixo REACT-UE

Román Rodríguez explicou que esta iniciativa que funcionará como “un polo dinamizador” dá resposta ao momento de “eclosión que vive o noso audiovisual grazas á existencia de compañías e profesionais que son xa unha referencia a nivel nacional”

O DOG publica hoxe a primeira convocatoria das novas axudas para o fomento de rodaxes, que se complementará coa convocatoria a primeiros de 2022 doutros 2M€ para atraer proxectos de fóra de Galicia en alianza con empresas galegas

A creación da Galicia Film Comission, as subvencións para o desenvolvemento de grupos de proxectos, o polo de talento do sector audiovisual, o plan creativo e empresarial para videoxogos e un fondo transversal para o conxunto da industria cultural son outras das principais iniciativas que se desenvolverán ao abeiro do Hub

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentoulles este mediodía ás principais asociacións e empresas audiovisuais galegas as liñas mestras do Hub Audiovisual da Industria Cultural, que a Xunta comeza a materializar coa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) da primeira das convocatorias do seu fondo para a atracción de rodaxes, dotada con 2 millóns de euros.

Nas súas palabras, esta achega inicial supón o arranque dun “programa de apoio sen precedentes para acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do sector”, que se traducirá nun investimento de 9,6 millóns de euros durante o período 2021-2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19. A posta en marcha da Galicia Film Comission, as subvencións para o desenvolvemento de grupos de proxectos, o polo de talento do sector audiovisual, o plan creativo e empresarial para videoxogos e un fondo transversal para o conxunto da industria cultural son outras das principais iniciativas que serán desenvolvidas proximamente ao abeiro do Hub.

Reforzo do programa anual de subvencións

Román Rodríguez estivo acompañado nesta sesión informativa por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que por vez primeira xestiona de maneira directa este tipo de fondos europeos. Como explicou o conselleiro, estas novas liñas de axuda “non substitúen nin solapan, senón que complementan” as convocatorias anuais de subvencións que mantén a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Na súa intervención, incidiu tamén na capacidade de resiliencia e adaptación dos profesionais galegos do cinema e da televisión fronte á situación provocada pola pandemia, ao tempo que lles agradeceu a súa colaboración para o desenvolvemento “rápido e eficaz” do proceso de deseño dos principais polos de acción deste Hub Audiovisual. “Estamos a asistir a unha eclosión do noso audiovisual, favorecida pola gran demanda de contido de ficción, impulsada sobre todo polas grandes plataformas, pero tamén pola existencia dunha serie de compañías locais que están a ser un referente no ámbito nacional, con talento e profesionalidade demostrados e alta capacidade para promover e xestionar producións de elevado orzamento”, sinalou.

Galicia, referente da produción audiovisual

Neste sentido, explicou que o Hub Audiovisual dá resposta a este momento de madurez do sector, establecendo un “polo dinamizador da actividade, que prolonga e reforza o compromiso da Administración galega con estes profesionais arredor de tres eixos principais: desenvolver o potencial competitivo, reforzar a creación de emprego tanto nas industrias creativas como nas auxiliares e xerar un efecto tractor, que convertan a Galicia en referente da produción audiovisual”.

“Queremos que o Hub contribúa a reforzar e reafirmar a marca Galicia, coa que seguir convertendo a nosa Comunidade nun escenario idóneo para producións e nun distintivo de calidade en canto aos seus produtos audiovisuais”, engadiu o responsable de Cultura do Goberno galego.

Proxectos xunto a produtoras do exterior

Así, a liña para o fomento e promoción de rodaxes, de concesión automática en concorrencia non competitiva, terá como beneficiarias as empresas galegas co obxectivo de realizar proxectos xunto con produtoras, canles de televisión e plataformas de fóra de Galicia. As entidades adxudicatarias desta primeira convocatoria −á que se sumará a primeiros de 2022 unha segunda, dotada con outros 2 millóns de euros− poderán exercer ben como coprodutoras destes traballos, cunha participación igual ou superior ao 20%, ben como provedoras de servizos de produción, sempre acreditando a realización dun gasto mínimo en Galicia fixado en 1 millón de euros para longas cinematográficas de ficción e animación e de 1,5 millón de euros para as series de ficción.

A intensidade da axuda vai ligada precisamente ao investimento realizado na nosa Comunidade, podendo chegar ao 20% deste gasto, cunha contía máxima de 350.00 euros, para as beneficiarias que sexan coprodutoras dos proxectos, e ao 10% e 300.000 euros no caso da contratación de servizos audiovisuais. Estas subvencións supoñen, ademais, unha importante novidade no panorama audiovisual español ao optar pola concesión directa para a realización de rodaxes no canto de empregar a fórmula dos incentivos fiscais.

Plan para os videoxogos

Xunto a este fondo, o Hub Audiovisual desenvolverá outras importantes e novas vías de apoio, que se estenden tamén ao sector específico dos videoxogos e ao conxunto das industrias culturais. No caso do Plan de desenvolvemento creativo e empresarial dos videoxogos, a Xunta busca darlle resposta ao potencial do sector en Galicia e á necesidade de vertebración deste talento en diferentes áreas de actividade, apoiando tanto a guionización, produción e comercialización de videoxogos, como o desenvolvemento de software, especialmente no eido dos motores e micro-pagos.

Ademais, o Hub Audiovisual suporá a creación da Galicia Film Comission, un proxecto que viña sendo demandado polo sector e que se materializará na activación dunha plataforma web con distintas utilidades, tanto para obter unha ampla información sobre a produción e rodaxe de obras audiovisuais en Galicia como para a realizacións de xestións online.

Pola súa banda, as axudas ao desenvolvemento de grupos de proxectos, en liña co modelo Slate Funding do Subprograma MEDIA da UE, suporán un acompañamento fundamental para as produtoras galegas máis consolidadas á hora de acometer proxectos estratéxicos, ao tempo que lle dará o impulso definitivo a empresas máis novas, que están a demostrar xa unha gran solvencia e unha clara vocación de medrar.

Tamén os profesionais emerxentes teñen lugar neste amplo programa, cun Polo de Talento do Sector Audiovisual, a través do que se articulará un paquete de medidas centradas especialmente en áreas como a creación, a guionización ou a dixitalización, co obxectivo de mellorar as súas competencias técnicas e de promover novos enfoques na xestión e desenvolvemento das súas carreiras.

O Hub Audiovisual da Industria Cultural contará, así mesmo, cun fondo transversal para o conxunto da industria cultural encamiñado a equipamentos e promoción de proxectos I+D+i.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/09/2021