Máis de 50.000 cidadáns se beneficiarán das medidas postas en marcha pola Xunta para facilitar que todos os galegos teñan acceso a servizos financeiros

A Xunta foi unha das primeiras administracións en abordar da man da Fegamp este problema de ámbito nacional

O director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó compareceu na Comisión 3ª do Parlamento para responder a varias preguntas sobre o acceso aos servizos bancarios

Durante a súa intervención demandou unha vez máis ao Goberno central unha estratexia global con medidas que garantan o acceso de todos os cidadáns aos servizos financeiros
 

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2021

Uns 55.000 cidadáns se beneficiarán das medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para facilitar que todos os galegos e galegas teñan acceso a servizos financeiros no seu concello.

Así o expuxo esta mañá o director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó, que compareceu na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos para responder a varias preguntas sobre o acceso aos servizos financeiros.

Durante a súa intervención, David Cabañó subliñou que a Xunta foi unha das primeiras administracións en abordar –da man da Federación Galega de Municipios e Provincias- este problema de ámbito nacional co obxectivo de que “toda a poboación galega, con independencia do seu lugar de residencia, teña acceso a servizos financeiros”.

Neste sentido, o director xeral subliñou que grazas a esta iniciativa os veciños dos 38 concellos que se xa adheriron ao protocolo de colaboración asinado entre a Xunta e a Fegamp, contarán cun caixeiro para retirar efectivo ou pagar recibos; un servizo de asistencia financeira que permita solucionar de xeito presencial dúbidas; e unha ampla oferta de formación financeira e banca dixital. En definitiva, “estes 55.000 veciños veranse beneficiados pola implantación dun servizo que non tiñan, que estaban a demandar e que vai mellorar a súa calidade de vida”, apuntou.

Ademais, explicou que as medidas se desenvolverán a través da concesión dunha subvención a unha entidade financeira, elixida por convocatoria pública para que preste estes servizos nos concellos adheridos ao protocolo. Neste marco, a Xunta vén de formular a proposta de resolución definitiva a favor da entidade que tivo a maior puntuación no proceso que foi Abanca.

Finalmente, o director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó demandou unha vez máis ao Goberno central coordinación e planificación estatal para elaborar unha estratexia global para abordar un problema de ámbito nacional con medidas que faciliten e garantan o acceso da poboación aos servizos financeiros con independencia do seu lugar de residencia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/09/2021