A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu por videoconferencia o Consello Galego de Pesca

A Xunta avanza co sector no deseño da estratexia de Galicia para defender os seus intereses ante a revisión da Política Pesqueira Común

O Consello Galego de Pesca acorda crear un grupo de traballo para enriquecer as propostas de Galicia de cara á futura folla de ruta da pesca europea

O Executivo galego considera necesario incidir en aspectos básicos como a remuda xeracional, a sustentabilidade da actividade, a igualdade de condicións no seu desenvolvemento, a adaptación ao cambio climático e a cogobernanza global

O Goberno galego manterá contactos con outras rexións europeas na busca de aliados, informará aos representantes galegos nos distintos parlamentos e no Senado e tratará de sumar ás principais entidades pesqueiras da UE

En canto á resolución do Parlamento Europeo para promover a recuperación das poboacións de peixes, aínda que non é vinculante, o Goberno galego considérao negativo porque só ten en conta o ámbito medioambiental e carece da visión socioeconómica da actividade

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu hoxe o Consello Galego de Pesca no que explicou as propostas que a Xunta toma como punto de partida de cara á revisión da Política Pesqueira Común (PPC), un traballo que a Comisión Europea prevé abordar o próximo ano. O Executivo galego e os representantes do sector avanzaron no deseño da estratexia de Galicia para defender os seus intereses durante ese proceso e acordaron crear un grupo de traballo para enriquecer as propostas de Galicia de cara á futura folla de ruta da pesca europea.

Os membros do Consello Galego de Pesca constataron a necesidade de incidir en aspectos básicos como a remuda xeracional, a sustentabilidade da actividade ou a igualdade de condicións no seu desenvolvemento. Outros aspectos que a Xunta considera que debe abordar a seguinte PPC son a adaptación ao cambio climático e a cogobernanza global co obxectivo de contar cunha política pesqueira forte, garantir o futuro do sector marítimo-pesqueiro e defender os intereses de Galicia fronte a terceiros países.

Trátase dun dos primeiros pasos para ir emitindo a voz da pesca galega de cara á futura PPC e que esa voz sexa escoitada en Bruxelas, onde se toman decisións vitais no desenvolvemento da actividade marítimo-pesqueira.

A titular de Mar salientou que un dos retos máis importantes é a remuda xeracional, sobre a que Galicia defende a necesidade de que a nova PPC contemple medidas que melloren as condicións de vida a bordo dos buques e a adecuación da formación ás necesidades das empresas para favorecer a incorporación de xente nova á actividade.

Sobre o principio de igualdade de condicións de traballo ou level playing field, a comunidade galega ve fundamental dispoñer dunha política pesqueira sólida para defender os intereses do sector ante terceiros países e que todos desenvolvan a súa actividade coas mesmas regras de xogo. En canto á sustentabilidade, Galicia aposta porque a futura política pesqueira comunitaria atenda aspectos como o traballo conxunto entre a industria e as ONG para promover a conservación da biodiversidade.

Precisamente, outro dos obxectivos abordados en relación coa sustentabilidade é o da adaptación ao cambio climático. A comunidade galega ve necesaria unha proposta para homoxeneizar a fiscalidade e os prezos dos combustibles de xeito global para evitar distorsións da competencia. Ao mesmo tempo, entende que as institucións europeas deben promover a investigación aplicada sobre a busca de novos combustibles, máis respectuosos co medio ambiente, para a súa incorporación ao mercado.

Outro dos desafíos expostos pola Consellería do Mar de cara á revisión da PPC é a cogobernanza global, un aspecto no que é preciso que haxa un equilibrio entre os ámbitos social, económico e ambiental. Con ese obxectivo, Galicia considera unha prioridade a loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada con medidas como que os distintos estados tipifiquen como delitos penais os danos substanciais sobre os recursos pesqueiros. Neste eido, a titular de Mar tamén expuxo a necesidade de que a Unión Europea promova o establecemento dunha limitación á capacidade pesqueira global para que haxa un reparto máis xusto das oportunidades de pesca no mundo.

Próximos pasos

A conselleira do Mar explicou no Consello Galego de Pesca que o Executivo galego incorporará as suxestións realizadas polo sector no marco do grupo de traballo de cara a definir a estratexia galega ante a revisión da PPC e que continuará cos contactos con diferentes grupos de interese para buscar solucións que satisfagan as demandas do sector marítimo-pesqueiro de Galicia.

A Xunta debaterá con outras importantes rexións pesqueiras europeas como a Bretaña francesa para acadar unha proposta común e informará de todas estas xestións aos representantes galegos no Senado, no Congreso e tanto no Parlamento autonómico como no europeo co obxectivo de que adopten as actuacións que estimen oportunas en defensa da proposta do sector galego. A Administración autonómica tamén buscará apoios entre as principais entidades pesqueiras europeas como a patronal Europêche e a Asociación Europea de Organizacións de Produtores de Pesca (EAPO).

Recuperación de poboacións pesqueiras

Outro dos temas abordados no Consello Galego de Pesca foi a resolución do Parlamento Europeo con medidas para promover a recuperación das poboacións de peixes por enriba do Rendemento Máximo Sustentable (nivel óptimo de capturas que pode extraerse dunha poboación de peixes cada ano sen prexudicar o stock). Aínda que este documento non é vinculante, o Consello Galego de Pesca emitiu unha nota de forma unánime na que o considera negativo, pois só ten en conta o ámbito medioambiental e carece da visión socioeconómica da actividade.

Neste sentido, a comunidade galega ve demasiado restritivas e afastadas da realidade da frota as medidas que defende, máxime tendo en conta os esforzos xa realizados pola frota e que se reflicten no bo estado dos caladoiros nos que faenan. Galicia remitirá as súas consideracións sobre esta resolución á Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e de Pesca da Unión Europea (DG MARE), á Comisión de Pesca do Parlamento Europeo e ao Consello de Ministros de Pesca da UE a través da Representación Permanente de España na UE (Reper).

Neste encontro o Executivo galego e os representantes do sector tamén debateron sobre os informes socioeconómicos nos que se está a traballar de cara ás negociacións das posibilidades de pesca para o 2022 para defender con argumentos e datos os intereses do sector marítimo-pesqueiro galego.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 10/09/2021