A Xunta abre mañá o prazo para solicitar as axudas para a adquisición de vehículos eléctricos e a implantación de infraestruturas de recarga

O programa Moves III permite a particulares, comunidades de propietarios, empresas e entidades locais formalizar a súa petición ata o 31 de decembro de 2023 e as axudas concederanse por orde de chegada

Estas solicitudes tramitaranse a través dos concesionarios e instaladores de baixa tensión que estean rexistrados como entidades colaboradoras da iniciativa

Os apoios para a compra de automóbiles poderán acadar os 9000 euros e nesta convocatoria duplícase ata o 80% a porcentaxe máxima de axudas para a instalación de puntos de recarga
 

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2021

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), abrirá mañá luns, 13 de setembro, o prazo de presentación de solicitudes á convocatoria de axudas do Moves III, o programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica que asigna 22,7M€ para a Comunidade galega. Así, os particulares, comunidades de propietarios, empresas e entidades locais que estean interesados en adquirir un vehículo eléctrico ou implantar unha infraestrutura de recarga poden formalizar a súa petición ata o 31 de decembro de 2023.

Trátase dunha convocatoria de concorrencia non competitiva, polo que as axudas concederanse por orde de chegada. Estas solicitudes tramitaranse a través de entidades colaboradoras adheridas: concesionarios, no caso de adquisición de automóbiles, e instaladores de baixa tensión para a implantación de infraestruturas de recarga. A este respecto, aínda continúa aberto o prazo de presentación solicitudes para todos os organismos que queiran actuar como colaboradores.

Como novidade, a nova convocatoria do Moves inclúe este ano dúas únicas liñas. A primeira delas ten como obxectivo fomentar a adquisición de vehículos eléctricos, híbridos enchufables ou de pila de combustible. Neste caso, as axudas oscilarán entre os 700 e os 9000 euros por automóbil en función do tipo de solicitante, características do vehículo ou uso, entre outras cuestións. Así, a compra de motocicletas e cuadriciclos apoiarase con axudas de ata 2000 euros; os turismos recibirán ata 7000 euros; e as furgonetas poden chegar aos 9000 euros. Os particulares só poderán dispoñer de apoios para a compra dun vehículo, mentres que o resto de beneficiarios –entre os que se encontran autónomos e pemes– poden solicitar ata 50 por ano –fronte os 30 de límite na anterior edición–.

A segunda liña do Moves III diríxese á implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, con axudas de entre o 30% e o 80% do custo subvencionable en función do tipo de solicitante, potencia, ou localización en concellos de menos de 5000 habitantes. Deste xeito, a axuda máxima duplícase con respecto a anteriores convocatorias, onde era do 40%.

Con estes apoios, a Xunta agarda favorecer en Galicia un aforro económico anual de 2,3 millóns nos custos de combustible e conseguir unha redución de CO2 equivalente a plantar 186.000 árbores. Deste xeito, as axudas contribuirán a seguir avanzando na descarbonización do transporte, reducir os custos enerxéticos dos propietarios de vehículos e fomentar unha rede pública e privada de puntos de recarga.

As dúas convocatorias anteriores do programa Moves xa permitiron destinar preto de 6M€ para apoiar un total de mil proxectos de mobilidade eléctrica. A maiores, grazas ás axudas dos Plans de transición a unha mobilidade eficiente promovidos pola Xunta de Galicia, facilitouse a adquisición de 750 vehículos de baixo consumo e baixas emisións.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/09/2021