A Xunta avisa á Fegamp de que a futura Lei estatal fixa obrigas en materia de residuos perigosos que son inabordables para os concellos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda denuncia que o proxecto lexislativo esixe ás entidades locais a recollida separada destes materiais, así como a elaboración dun censo de instalacións e emprazamentos con amianto

Nunha carta dirixida ao máximo representante do municipalismo galego, advirte de que a Xunta emendará o texto para esixir modificacións substanciais e emprázao a avaliar en detalle o contido destas disposicións polo seu impacto a nivel local
 

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia advirte á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) de que o proxecto da Lei básica estatal en materia de residuos e solos contaminados fixa criterios, obrigas e prazos para as entidades locais que son “técnica e materialmente inabordables”, sobre todo no referido ao establecemento da recollida separada para facilitar a preparación para a reutilización e reciclado dos residuos perigosos de orixe doméstica.

Así llo acaba de trasladar a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, ao presidente da Fegamp, Alberto Varela, nunha carta remitida para informarlle dalgunhas das propostas presentadas pola Consellería no marco do período de emendas parciais ao documento.

En concreto, na misiva exponse que, coa súa redacción actual, a lei obrigará aos concellos a implantar un sistema de recollida selectiva daqueles residuos domésticos considerados perigosos antes do 31 de decembro do ano 2024 co fin de garantir que non contaminen outros fluxos tamén de competencia municipal.

A este respecto, a Consellería propón como alternativa que a Comisión de coordinación en materia de residuos elabore un plan de acción baseado na aplicación dos réximes de responsabilidade ampliada do produtor, para que sexan estes os que asuman os custos derivados desta nova obriga.

Por outra banda, na carta tamén se advirte da preocupación do Goberno galego respecto da disposición relativa ao procedemento de desamiantado. Neste sentido, avisa de que antes do 1 de xaneiro de 2023 os concellos deberán elaborar un censo de carácter público no que figuren todas as instalacións e emprazamentos con amianto, incluíndo á vez un calendario para a súa retirada.

Desde o punto de vista da Consellería, ambas disposicións resultan “preocupantes” tanto polas dificultades que suporá para os concellos ter que cumprilas dentro do horizonte temporal que establece a propia norma, como polos custos e os retos técnicos e materiais que implicará levalas a cabo.

Por todo o exposto e tendo en conta os problemas de aplicación que conlevaría para as entidades locais a futura lei tal e como está redactada, o departamento autonómico competente en materia de residuos diríxese á Fegamp para facelo partícipe das súas emendas e someter os argumentos expostos ao seu propio criterio e valoración.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/09/2021