A Xunta presenta un proxecto pioneiro ao Ministerio de Inclusión para loitar contra a pobreza infantil

O obxectivo é mellorar a situación das familias con menores que se atopen nunha situación de pobreza ou en risco de padecela

Entre as medidas propostas atópanse actividades de reforzo escolar, intermediación empresarial, axudas directas nos gastos médicos, no pago da renda, así como cursos sobre hábitos saudables e economía doméstica, entre outras

O proxecto, que se financiará con máis de 10 millóns dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, está pensado para iniciarse no primeiro trimestre de 2022 e finalizar no terceiro trimestre de 2023
 

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia vén de presentar un proxecto piloto ao Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones para reforzar os servizos de acompañamento e inclusión sociolaboral prestados ás familias con menores en situación de pobreza. Esta proposta, pendente de ser aprobada, prevé un orzamento de máis de 10 millóns de euros procedentes dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia deste Ministerio. O documento elaborado pola Consellería de Política Social propón traballar con máis de 1.000 familias para axudar na conciliación e no desenvolvemento de itinerarios laborais que permitan o seu acceso ao mercado de traballo.

Entre as medidas que inclúe este proxecto pioneiro, cuxo obxectivo é mellorar a situación das familias con menores que se atopen nunha situación de pobreza ou en risco de padecela, salientan a intermediación empresarial, as actividades de reforzo escolar, de autonomía dixital, axudas para o pago da renda ou a reparación das vivendas, proporcionando cursos de economía doméstica, hábitos de vida saudables ou axudas directas nos gastos médicos.

As familias destinatarias serán, principalmente, receptoras do Ingreso Mínimo Vital (IMV) ou da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), prestando especial atención ás monoparentais e as numerosas, xa que son as que máis risco de exclusión presentan pola súa configuración.

O proxecto está pensado para ser desenvolto, así mesmo, en todas as provincias galegas, traballando con especial intensidade nas sete grandes cidades por ser onde se concentran a maioría das persoas destinatarias. Ademais, outro dos obxectivos será o de conseguir a inclusión territorial, poñendo o foco nas zonas rurais, onde tamén se traballará para axudar ás familias en exclusión.

Implicación das familias

O documento elaborado polo Goberno galego subliña, neste sentido, a importancia da implicación das nais e dos pais no éxito do proxecto, xa que nel se porá a disposición das familias iniciativas individualizadas para conseguir o éxito escolar, así como a integración social dos nenos e nenas.

A duración proposta é de 18 meses, comezaría no primeiro trimestre de 2022 e finalizaría no terceiro trimestre de 2023. O proxecto realizarase en coordinación cos servizos sociais comunitarios dos concellos nos que residan as familias participantes e contará cun sistema de avaliación intensiva que permita detectar os impactos nos destinatarios e realizar os axustes necesarios.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Política Social
Data de actualización: 11/09/2021