O conselleiro do Medio Rural presidiu a inauguración dun novo espazo enogastronómico na localidade ourensá de Monterrei

A Xunta comparte cos consellos reguladores e o sector o obxectivo de consolidar o viño galego nos mercados e situalo como referente enoturístico

José González vinculou a consecución desta finalidade co propio espazo enogastronómico e coa estratexia do viño impulsada polo Goberno galego, xunto coas dos sectores lácteo e cárnico, así como coa Lei de recuperación da terra agraria

Lembrou as axudas da Xunta a este eido e puxo en valor de maneira especial o préstamo vendima, que se pode solicitar ata o 15 de outubro e que vai destinado ás adegas, para que poidan comprar a uva en condicións normais de mercado

Monterrei (Ourense), 12 de setembro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe como un “obxectivo compartido” pola Xunta, os consellos reguladores e o sector “consolidar o posicionamento competitivo do viño galego nos mercados nacional e internacional, e colocar a Galicia como referente do enoturismo, xerando valor en comarcas como Monterrei”. Foi, precisamente, na inauguración do novo espazo enogastronómico da localidade ourensá de Monterrei que, tal e como dixo o conselleiro, “vén amosar esta mesma intención”. José González estivo acompañado neste acto polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén.

Na súa intervención, o conselleiro puxo en valor dito obxectivo no contexto da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia que impulsa a Xunta, de acordo cos axentes deste eido produtivo. Unha iniciativa que procura afondar nos estándares de calidade que caracterizan os viños galegos, así como tamén na súa internacionalización e innovación, “para afrontar retos como a remuda xeracional e o cambio climático”, remarcou González.

Na mesma liña, o conselleiro salientou que a calidade é, precisamente, unha das liñas estratéxicas de Medio Rural e que para impulsala cómpre apostar pola planificación, como fai a Xunta a través da devandita estratexia para o viño e tamén coas do sector lácteo –“que xa conta cun percorrido e cun éxito amosado na práctica”- e cárnico -na que se está a traballar-.

Compromiso co sector do viño

Neste mesmo sentido, o titular de Medio Rural reiterou o compromiso da Xunta co sector do viño, que se fai efectivo a través de liñas de axudas como as destinadas á reestruturación e reconversión de viñedo, para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas ou para promoción en terceiros países, así como as que prestan apoio aos consellos reguladores. Da mesma maneira, o conselleiro puxo en valor o préstamo vendima, unha liña de financiamento para as adegas creada polo Goberno galego que -destacou- se pode solicitar ata o vindeiro 15 de outubro e que ten como finalidade garantir a compra da uva en condicións normais de mercado, “para poder capear as dificultades da covid-19”, resaltou González.

Outra liña de traballo mencionada polo conselleiro é a vinculada á aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Unha norma que, indicou, “marca un antes e un despois na ordenación e na planificación do territorio rural da nosa comunidade”. Faino, engadiu, mediante instrumentos como os polígonos agroforestais (especialmente os polígonos vitivinícolas en comarcas como Monterrei), as aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta.

Neste contexto, José González sinalou que estas figuras están orientadas a aportar base territorial ás explotacións que así o precisen e lembrou que só por parte do consello regulador da denominación de orixe Monterrei se localizaron ata 400 hectáreas en desuso, susceptibles de seren recuperadas. Precisamente, concluíu o conselleiro, a premisa da recuperación, xunto coa prevención dos incendios, é unha das que marca o labor da Xunta neste eido, no marco do devandito texto legal.

Data de actualización: 12/09/2021