A Xunta valora positivamente o inicio dos debates co Goberno central sobre a Lei de cambio climático e as concesións en dominio público marítimo-terrestre

O Executivo galego considera un paso de boa vontade a predisposición do Executivo estatal a dialogar e negociar sobre unha normativa que afecta ao futuro das empresas afincadas no litoral de Galicia

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe o acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei estatal de cambio climático e transición enerxética. Trátase dun paso que a Xunta de Galicia considera positivo pois, deste xeito, poderanse debater co Goberno central determinadas discrepancias no artigo 20 e a disposición derrogatoria única das que o Goberno galego leva advertindo desde hai máis de dous anos e que fan referencia aos prazos das concesións en dominio público marítimo-terrestre de distintas instalacións asentadas na costa.

Tal e como reflicte o acordo, co obxectivo de resolver as discrepancias e propoñer solucións axeitadas designarase un grupo de traballo dentro da comisión bilateral. O Executivo galego valora esta decisión como transcendental, pois abre a porta a afondar, xunto co Goberno central, nos argumentos expostos pola Asesoría Xurídica da Xunta e polo Consello Consultivo nos seus informes sobre esta normativa.

O Goberno galego tratará, polo tanto, de aclarar a “inseguridade xurídica” que ofrece a actual redacción do artigo 20 —antes 18—, no relativo á duración das concesións e derivada da coexistencia de dúas normas que regulan ese extremo.

Para a Xunta é un paso de boa vontade que o Goberno central teña predisposición a dialogar e negociar sobre unha normativa que afecta ao futuro das empresas afincadas no litoral de Galicia. A Xunta manifesta a súa vontade total para seguir buscando solucións que garantan a seguridade xurídica destas industrias, entre elas máis dun cento da cadea mar-industria, así como outras 5.000 edificacións situadas na liña de costa.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 13/09/2021