Xunta e concello de Lobios colaborarán na posta en valor do Parque do Xurés ao seu paso polo municipio

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia e o Concello de Lobios colaborarán para lograr a posta en valor do Parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés ao seu paso polo municipio.

Así o acordaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a rexedora ourensá, María del Carmen Yáñez, con quen se reuniu nos últimos días para abordar diversos asuntos de interese municipal.

En concreto, comprometéronse a traballar xuntas co obxectivo de mellorar a sinalización actual dalgunha das rutas a pé que atravesan o concello, así como nun novo proxecto municipal para mellorar e garantir a accesibilidade dun destes sendeiros para as persoas con discapacidade.

Por outra banda e máis alá de seguir colaborando na protección dos espazos municipais incluídos dentro do Parque, a rexedora tamén lle trasladou o interese do Goberno local por acometer unha serie de intervencións e melloras co fin de favorecer a integración coa contorna.

De feito, Lobios é un dos municipios nos que se concederon un maior número de axudas ao abeiro da orde para a corrección de impactos paisaxísticos, convocada o pasado mes de abril e dirixida a propietarios particulares. A intención do Concello é acollerse tamén á nova liña de subvencións que acaba de sacar a Consellería co mesmo fin e un orzamento de 800.000 euros pero dirixida, neste caso, a financiar actuacións promovidas por entidades locais en edificios e equipamentos da súa titularidade.
 

Data de actualización: 14/09/2021