A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, José Manuel Mato, reuníronse para falar de varios asuntos de interese municipal

A Xunta estudará implicarse nun proxecto do concello de Paradela para recuperar elementos patrimoniais no núcleo tradicional de Pacios

A Consellería tamén analiza a posibilidade de colaborar co Goberno municipal para poñer en valor varios sendeiros no Espazo natural de interese local (ENIL) Loio-Ruxidoira

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia estudará a súa posible participación nun proxecto municipal destinado á recuperación de elementos patrimoniais no núcleo tradicional de Pacios, no concello lucense de Paradela.

Esta foi o compromiso adquirido pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no transcurso dunha xuntanza mantida nos últimos días co rexedor, José Manuel Mato, para abordar diferentes asuntos de interese municipal.

En concreto, segundo explicou o alcalde, a intervención prevista en Pacios e a súa contorna enmárcase na estratexia de rexeneración do municipio impulsada polo Goberno local a través de accións que apostan pola natureza, o urbanismo sostible e a mellora de servicios no rural, un obxectivo no que encaixa tamén o plan de mobilidade sostible do Concello, cuxas liñas mestras lle presentou á conselleira durante a reunión.

Noutra orde de asuntos, conselleira e alcalde tamén analizaron a posibilidade de que ambas administracións colaboren co fin de poñer en valor o Espazo natural de interese local (ENIL) Loio-Ruxidoira, declarado definitivamente no ano 2013 e o segundo ENIL máis antigo dos seis existentes ata o momento en Galicia.

Para lograr este obxectivo, a proposta do Concello de Paradela pasa por acometer obras de recuperación e acondicionamento en varios sendeiros peonís que atravesan o ENIL e permiten achegar aos visitantes a algúns dos seus valores máis destacados.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/09/2021