A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe co alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, o convenio de colaboración para impulsar as actuacións necesarias para reducir o risco de asolagamentos na zona

A Xunta sela con Padrón o acordo para investir 3 M€ na redución do risco de inundación nos ríos Ulla e Sar cuxas obras se licitarán a mediados do vindeiro ano

Vázquez Mourelle subliña que o obxectivo é ter rematadas as actuacións a finais do ano 2023, dentro do período establecido para a execución dos fondos europeos FEDER con que serán cofinanciadas

Prevese a mellora dos espazos fluviais e a drenaxe do río Sar no cruzamento coa vía AC-301, actuando na ponte sobre a estrada; e do espazo fluvial e a drenaxe no rego Avelenda en Iria Flavia

Tamén se protexerá a marxe dereita do río Ulla, entre a desembocadura da canle de derivación do río Sar e a ponte da estrada N-550

A Xunta asume a redacción dos proxectos, a licitación e a execución das obras e o Concello porá á disposición os terreos e recibirá as obras para o seu mantemento

O Goberno galego segue a traballar para estar mellor preparados ante o cambio climático e contar coas medidas para mitigar as consecuencias que as enchentes poden ter para as persoas, o medio e a economía

Padrón (A Coruña), 14 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta selou hoxe co Concello de Padrón o acordo para investir 3 millóns de euros na redución do risco de inundación nos ríos Ulla e Sar, coa previsión de licitar as obras a mediados do vindeiro ano.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe co alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, este convenio de colaboración para impulsar as actuacións necesarias para reducir o risco de asolagamentos.

Vázquez Mourelle informou de que a Xunta está actualmente centrada no impulso dos proxectos construtivos das obras, prevendo que a comezos de ano se estean redactando xa todos os documentos técnicos correspondentes ás actuacións previstas para minimizar o risco de inundacións que recolle o convenio.

Unha vez redactados e supervisados os proxectos, e contando coa documentación municipal necesaria e superada a fase de información pública, o obxectivo é licitar as obras a mediados do vindeiro ano e que estean rematadas a finais 2023, dentro do período establecido para a execución dos fondos europeos FEDER cos que serán cofinanciadas.

Esta iniciativa enmárcase na liña de traballo da Xunta de cara a estar mellor preparados ante o cambio climático e para contar coas medidas necesarias para reducir o risco de inundación e as consecuencias que para as persoas, o medio e a economía poden supoñer as enchentes.

Actuacións principais

A conselleira explicou que as actuacións previstas parten dunha planificación completa e ambiciosa realizada desde a Xunta, pois están recollidas no Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo dos ríos Ulla e Sar.

Tras os estudos hidráulicos realizados, a Xunta propón un conxunto de actuacións entre as que destacan a mellora dos espazos fluviais e a drenaxe do río Sar no cruzamento coa vía AC-301, onde se prevé actuar na ponte sobre a estrada o; e o espazo fluvial e a drenaxe no rego Avelenda, ao seu paso por Iria Flavia.

Tamén se levarán a cabo medidas para protexer a marxe dereita do río Ulla, entre a desembocadura da canle de derivación do río Sar e a ponte da estrada N-550.

No que se refire aos compromisos, a Xunta asume a redacción dos proxectos e a licitación, contratación e execución das obras. O Concello de Padrón comprométese a poñer a disposición os terreos e as autorizacións para a súa execución, facéndose cargo das expropiacións e de recibir as obras unha vez realizadas e o seu mantemento.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/09/2021