O Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán arranca o venres en Santiago co apoio da Xunta

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación da nova edición que incorpora como novidade o centro cultural de Santa Marta como un dos tres escenarios, sumándose así ao Salón Teatro e o Teatro Principal

Salientou o carácter estratéxico desta iniciativa para “constatar a fortaleza da escena galega e por converterse nun estímulo á creación teatral”

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na rolda de prensa de presentación da nova edición do Festival Agustín Magán que arranca o venres en Santiago. No seu vixésimo aniversario diversificará os espazos das representacións e organizarase unha mención homenaxe con motivo do centenario de Agustín Magán.

A iniciativa, que conta un ano máis co apoio da Xunta de Galicia, está impulsada pola Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) e as obras que participan son cada ano seleccionadas por un xurado e representan as propostas máis salientables dos grupos federados das catro provincias galegas.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade agradeceu á organización e aos participantes o seu esforzo por manter viva esta iniciativa “que constata o forte que segue a ser a nosa escena”, indicou. Do mesmo xeito, valorou moi positivamente a traxectoria deste festival que nos últimos anos “está a actuar de estímulo á creación na cultura de base, á innovación e á mellora da calidade do teatro amador galego”, expresou.

Anxo M. Lorenzo recordou tamén o apoio do Goberno autonómico a Fegatea, que cumpre este ano 21 anos de andaina e que, ademais, foi premiada co Premio da Cultura Galega 2020 polo seu labor nas artes escénicas ao longo de dúas décadas.

Tres escenarios

A programación arrancará o venres 17 de setembro ás 20,00 horas no Teatro Principal a cargo de A.C. Teatrino e a comedia Lisístrata. O Teatro Principal acollerá tamén as sesións do sábado 18 con Paso Valverde e o espectáculo de monicreques Carolina Ultrasónica e do domingo 19, con Teatro Escoitade e a representación Dominó Celeste Que vai ser de ti Ernesto?.

As funcións continuarán o venres 24 de setembro, neste caso no Centro Sociocultural de Santa Marta-Sala Agustín Magán, ás 19,00 horas con A Tequerreté Teatro e a comedia Confinad@s. O sábado 25 tamén no mesmo escenario e á mesma hora actuará Axóuxere Teatro con Facendo as partixas.

O Festival rematará no Salón Teatro. As representacións arrancarán o venres 1 de outubro ás 20,00 horas con FarandOleiras Cabaré que interpretarán Olimpo’s. O sábado 2 de outubro a quenda será para Farándula Vetulina con A derradeira bala. A última representación será o domingo 3 de outubro con Andaravía Teatro e a peza Xacovedra.

Para rematar as actividades desta vixésima edición, o día 3 de outubro a partir das 19,30 horas acollerá unha homenaxe a Agustín Magán, que lle dá nome ao festival. Contarase coa presenza da súa familia, do grupo que formou e dirixiu durante anos, Ditea, entre outros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/09/2021