O titular do Goberno galego participou este mediodía en Vigo no acto de inauguración de Metal Industry and Technologies International Trade Fair (Mindtech)

Feijóo destaca a dixitalización como unha ferramenta "indispensable" que orientará á industria galega na reactivación

Salienta que dentro do Plan de reactivación activado pola Xunta para paliar o impacto da pandemia dedicáronse 115 millóns á dixitalización

Resalta que a Xunta está a acompañar á industria galega do automóbil a través dun proxecto autonómico que poida beneficiarse do PERTE lanzado polo Goberno central; e incide en que para seguir competindo coa industria naval europea é importante tamén un PERTE específico para este sector

Vigo, 14 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a dixitalización como unha ferramenta “indispensable” que orientará á industria galega na reactivación. “Galicia ten elementos para facelo: centros de coñecemento punteiros; cultura emprendedora; empresas tractoras; talento e asociacións que activan os sectores, como Asime”, subliñou.

Durante a inauguración de Metal Industry and Technologies International Trade Fair (Mindtech), Feijóo salientou que dentro do Plan de reactivación activado pola Xunta para paliar o impacto da pandemia, destinado a mobilizar 3.000 millóns de euros, dedicáronse 115 millóns á dixitalización. “E aproveitaremos a oportunidade dos fondos Next Generation, ademais de seguir comprometidos cunha aposta firme pola industria 4.0 entre as empresas galegas”, aseverou, recordando que, entre 2017 e 2019, unha de cada cinco empresas con máis de dez traballadores realizou algún tipo de actividade innovadora.

O titular do Executivo autonómico aproveitou o acto para resaltar que coa celebración desa feira Vigo volve ser o epicentro do sector metalmecánico, do seu potencial innovador; e testemuña das oportunidades de investimento que se presentan. Non en van, esta industria xera o 20% do PIB galego, alcanzando os 12.000 millóns de facturación; propicia máis de 9.300 millóns de euros en exportacións e emprega a 57.000 persoas en case 4.000 empresas.

Ao respecto, afirmou que ningunha destas cifras sería posible sen sectores que incorporan solvencia técnica e pulso innovador como: a automoción; o naval, cuns contratos firmados en 2021 que presentan un alto valor engadido -750 millóns de euros-; e o Polo Aeroespacial de Rozas que, despois de mobilizar 164 millóns, ten en marcha a Estratexia 2021-2025, para a que xa ten comprometida un investimento de 70 millóns.

Nesta mesma liña, Feijóo resaltou que a Xunta está a acompañar á industria galega do automóbil a través dun proxecto autonómico que poida beneficiarse do PERTE lanzado polo Goberno central. E incidiu en que para seguir competindo coa industria naval europea é importante tamén un PERTE específico para este sector.

O presidente do Goberno galego rematou referíndose tamén á carencia internacional de microchips que está a afectar á automoción, ao seu emprego, facturación e ás súas empresas auxiliares; así como ao incremento do custo das materias primas e aos prezos da enerxía eléctrica. Ao respecto, avogou por, “no ámbito das competencias de cada administración”, buscar fórmulas entre todos e solucións.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/09/2021