A Xunta entrega os diplomas ás 20 persoas que se formaron no obradoiro Serra do Faro, compartido por Chantada e Carballedo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destaca que en breve dará comezo unha nova edición do proxecto para impulsar o emprego nestes concellos

O investimento en ambas iniciativas ascende a preto de 745.000 euros

Carballedo (Lugo), 14 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, fixo entrega dos diplomas aos 20 alumnos traballadores que se formaron no obradoiro de emprego Serra do Faro V, compartido por Carballedo e Chantada, nun acto no que tamén participaron os alcaldes de ambos concellos, Julio Yebra e Manuel Lorenzo, respectivamente.

Arias lembrou que os participantes reciben un certificado de profesionalidade que os acredita para exercer traballos na especialidade elixida -albanelaría ou xardinaría-, ben como asalariados en empresas do sector ou como traballadores por conta propia, dado que tamén adquiren coñecementos específicos orientados ao emprendemento. Ademais, incluíronse incentivos para a contratación de 14 alumnos en empresas da contorna durante un mínimo de tres meses.

O delegado sinalou que proximamente dará comezo unha nova edición deste proxecto, “que suporá novas oportunidades laborais para outras 20 persoas desempregadas destes municipios”. A Consellería de Emprego e Igualdade destinará 368.000 euros á iniciativa, que xunto coa que agora remata eleva o investimento a preto de 745.000 euros nos dous últimos anos.

Obras e servizos

O obradoiro de emprego clausurado hoxe formou durante nove meses a dez alumnos na modalidade de Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización, e a outros tantos na de Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes.

Ao tempo que reciben aprendizaxe teórica e práctica, os participantes nos obradoiros de emprego realizan obras e servizos de interese social. No caso de Carballedo, acondicionaron os accesos e a área recreativa da Barrela e remodelaron a zona axardinada da praza do Concello, entre outras.

En Chantada traballaron na instalación e mantemento de zonas verdes como a contorna do paseo fluvial do río Asma dende o campo do Sangoñedo ata o núcleo da Ponte, o parque Eloisa Rivadulla ou a Praza de Galicia. Tamén melloraron as beirarrúas neste último punto -no tramo do xulgados- e na Avenida de Monforte, así como os pavimentos na zona das pistas de tenis.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/09/2021