A Xunta propón manter a parada orixinal do bus ao Carqueixo para garantir a seguridade viaria

O delegado territorial lembra que a intensidade de tráfico na LU-530 é de 10.000 vehículos ao día o que complica a localización da parada na rotonda desta vía

Mantivo unha reunión cordial co tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, para tratar sobre as paradas na vía autonómica da liña que da servizo ao Carqueixo

Lugo, 14 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo propón manter a antiga parada na LU-530, ao carón da gasolinera do Carqueixo, para a liña que da servizo ao citado barrio, co fin de garantir a seguridade viaria dos seus usuarios. A intensidade media de tráfico (IMT) é de máis de 10.000 vehículos ao día nesta vía, o que a converte nunha das estradas con máis tráfico da rede autonómica, e implica un problema de seguridade viaria para os veciños e veciñas que deben atravesar a pé a rotonda para chegar á nova parada.

Así o explicou o delegado da Xunta, Javier Arias, ao tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, na reunión mantida esta mañá no edificio da delegación territorial, na que, nun clima de cordialidade e diálogo, ambos estiveron acompañados por técnicos, tanto da Axencia de Infraestruturas de Galicia como do Concello de Lugo.

Outra das actuacións que suporía o incremento da inseguridade viaria para os usuarios é a futura posta en funcionamento da Ronda Este, que a xuízo dos técnicos implicará maior movemento do tráfico nunha zona na que tamén conflúe a LU-021, cunha IMT de 6.000 vehículos ao día. Ante esta situación, Arias sinalou que “Unha parada na rotonda é tecnicamente complicada e afectaría á seguridade viaria dos usuarios, polo que pedimos volver ao trazado orixinal da liña”.

A localización de paradas na rotonda suporía ademais a necesidade de construción de carrís de aceleración e incorporación, o que dificulta aínda máis a localización na citada glorieta.

Á espera da concreción do percorrido por parte do Concello, a Delegación Territorial da Xunta expón unha solución para reducir ao máximo os quilómetros e non dar a volta na raqueta. Javier Arias apunta “a posibilidade de levar a cabo unha pequena obra para facer un cambio de sentido e que o autobús xire máis adiante, na propia estrada LU-530. Isto permitiría, a maiores, instalar unha nova parada para os veciños da zona e facelo con todas as garantías de seguridade, nunha recta ou nun treito que non entrañe perigo para os usuarios do servizo”.

A reunión celebrouse está mañá, despois de que onte Arias, xunto a técnicos da AXI, analizara sobre o terreo as posibles alternativas que existen para instalar unha parada na estrada autonómica e despois de falar cos veciños e veciñas do Carqueixo para coñecer a súa opinión ao respecto.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/09/2021