Reunión informativa coas federacións deportivas galegas sobre as novas axudas directas á reactivación deportiva

A convocatoria das axudas será publicada en vindeiras datas no Diario Oficial de Galicia, e ascenderá a 4 millóns de euros

Contempla tres liñas diferenciadas: axudas á competición oficial autonómica e á estatal non profesional, axudas pola minoración dos ingresos de taquilla e abonados, e axudas ás federacións deportivas pola minoración das cotas de inscrición
 

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2021-
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe nun encontro de traballo cos representantes das 58 federacións deportivas galegas na que se tratou, principalmente, sobre os pormenores da próxima nova convocatoria de axudas directas ao tecido deportivo na súa recuperación fronte á pandemia da Covid-19, e que contará cun orzamento de 4 millóns de euros.

A devandita convocatoria, que foi aprobada polo Consello da Xunta o pasado xoves e anunciada polo presidente na rolda de prensa posterior, ocuparase da reactivación da actividade deportiva competitiva no contexto da Covid-19. Para acadalo haberá 3 liñas de actuación: axudas á competición oficial autonómica e á competición oficial estatal non profesional, axudas para a compensación da minoración dos ingresos procedentes da taquilla e dos aboados, e axudas ás federacións deportivas galegas pola minoración das cotas de inscrición nas competicións. As entidades beneficiarias poderán dispoñer dos pagamentos anticipados do 100% do importe da contía da subvención concedida.

A convocatoria enmárcase no Fondo de Consenso aprobado polo Parlamento galego, e polo que a Secretaría Xeral para o Deporte vén de recibir nas últimas datas 5,7 millóns de euros que se suman ao seu orzamento inicial. Deste investimento adicional, 1,7 millóns de euros foron xa destinados á unha segunda convocatoria de axudas para a adquisición de equipamentos -axudas que acadaron así un orzamento total de 2,6 millóns de euros e que inclúe material sanitario como equipamento de seguridade e prevención inventariable como consecuencia da Covid-19 (mamparas, sistemas de ventilación, sistemas de dispensadores de hidroxeles, sistemas de toma de temperatura, etc.)- e os restantes 4 millóns destínanse a esta liña de axudas de reactivación da actividade deportiva no contexto da Covid-19.

As resolución da convocatoria será publicada no Diario Oficial de Galicia nas vindeiras datas.

Data de actualización: 14/09/2021