A Xunta apela á colaboración para crear un clima favorable que permita acadar a mellor solución posible en Barreras

Conde considera que o potencial do estaleiro segue sendo evidente e reclama ao Goberno un “compromiso claro coa súa estabilidade” para achegar certezas ante o proceso de venda

Insistiu na necesidade de que a Administración central amose a mesma predisposición que outros países da Unión Europea a defender a industria naval, así como o impulso dun PERTE específico do sector a través dos fondos Next Generation
 

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegurou hoxe que a Xunta de Galicia está e seguirá estando ao carón da industria naval galega. Neste sentido, defendeu que a Administración galega ten actuado sempre con transparencia e o máximo compromiso e responsabilidade para protexer un sector estratéxico para o desenvolvemento económico e laboral da Comunidade.

Durante a súa intervención no Pleno do Parlamento galego, Conde asegurou que, no caso concreto de Barreras, o Goberno galego púxose desde o primeiro momento a disposición do estaleiro e do Executivo central para traballar conxuntamente na identificación dunha solución ás necesidades financeiras da empresa. “O potencial de Barreras segue sendo evidente e consideramos que é responsabilidade de todos colaborar activamente para alcanzar a mellor solución posible, creando un clima favorable para atraer inversores”, indicou.

Por este motivo, defendeu a importancia de que o Goberno evidencie un “compromiso claro coa estabilidade de Barreras para achegar certezas ante o proceso de venda” no que se está neste momento e, deste xeito, poder entre todos “construír un novo proxecto industrial estable e con futuro”, manifestou.

Baixo esta perspectiva, o vicepresidente económico quixo trasladar o seu apoio aos empregados e insistiu na necesidade de que o estaleiro traballe co obxectivo de poder identificar un socio industrial. “O principal obxectivo é que Barreras teña un futuro industrial e que poidamos manter os postos de traballo”, engadiu.

Segundo expuxo, a Xunta xa ten manifestada a súa vontade de apoiar a viabilidade da industria naval galega, con especial atención ás empresas auxiliares. Así, en 2019 lanzou unha liña de préstamos para atender a situación financeira de 22 auxiliares galegas
–13M€–, un compromiso ao que agora está dando continuidade cunha nova convocatoria para o período 2021-2022, a través dun investimento de 18M€, co obxectivo de facilitar o acceso ao crédito ao tecido industrial galego –o prazo de presentación de solicitudes continúa aberto ata o 30 de decembro–.

Así, reiterou a necesidade de que o Goberno amose a mesma predisposición que outros estados membros da Unión Europea a defender esta industria cos mecanismos de apoio e de financiamento que se precisen. Neste punto, tamén avogou por impulsar desde a Administración central un proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (PERTE) que sexa específico para o sector a través dos fondos europeos Next Generation.

 

Data de actualización: 15/09/2021