Fernández-Tapias destaca a aposta da Xunta pola formación especializada do alumnado da FP coa implantación de seis novos másteres este curso en Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo visitou hoxe o IES de Teis, onde por primeiro ano se impartirá un curso de especialización en intelixencia artificial e Big Data

Hoxe regresaron ás aulas na área viguesa 25.495 estudantes de ESO e Bacharelato

Vigo, 15 de setembro de 2021

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegouse hoxe ata o IES de Teis con motivo do inicio dun novo curso escolar para o alumnado de ESO, Bacharelato, FP e ensinanzas especiais.
Durante a visita, na que estivo acompañada polo xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, César Pérez Ares, e o equipo directivo do instituto, Fernández-Tapias tivo oportunidade de coñecer os detalles dun dos seis másteres de formación especializada que se estrean este ano na cidade de Vigo para o alumnado dos ciclos. Neste sentido, a representante autonómica destacou a forte aposta do Goberno galego pola formación profesional en áreas cunha importante demanda no mundo laboral como é o caso da intelixencia artificial e Big Data que se imparte no IES de Teis.
A delegada avogou por ofrecer ao alumnado as ferramentas necesarias para afrontar os novos desafíos da sociedade a nivel formativo e adaptarse aos requirimentos do tecido empresarial, favorecendo así a empregabilidade dos titulados de FP. “Unha FP moderna, dinámica e innovadora -dixo- que exercerá un positivo efecto dominó repercutindo no conxunto da sociedade”.
Así, recordou que xunto ao do IES de Teis de intelixencia artificial e Big Data se impartirán en Vigo outros cinco, entre eles o do IES Politécnico de Vigo (Fabricación inteligente), IES Ricardo Mella (Implementación de Redes 5G), CIFP Valentín Paz Andrade (Fabricación Aditiva), IES Audiovisual de Vigo (Autodescripción e subtitulación) e o do CIFP Manuel Antonio (Panadería e pastelería artesanal).
Nesta mesma dirección, Fernández-Tapias destacou a crecente demanda da Formación Profesional e nomeadamente da FP Dual, o modelo que combina teoría con prácticas remuneradas en empresas del sector. Dito isto, a delegada aproveitou para volver a agradecer a empresas como Pescanova, Media Markt, Leroy Merlin, Arena, Carrefour o EuroStars a súa implicación cos nove ciclos que se imparten na cidade.
En canto ao alumando de ESO e Bacharelato, a delegada territorial sinalou que hoxe regresaron ás aulas 25.495 estudantes da área territorial de Vigo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/09/2021