O Museo das Peregrinacións e de Santiago conmemora o seu 70 aniversario cunha programación que reforzará a súa conexión co público

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe as actividades que a Xunta organiza para este último trimestre do ano e que incluirán visitas guiadas teatralizadas, así como obradoiros de artesanía, conferencias ou concertos

Tamén haberá novas exposicións como unha mostra fotográfica e audiovisual sobre catro peregrinacións, outra escultórica en homenaxe ás mulleres peregrinas así como outra centrada no papel da música na construción de Europa

Salientou o papel do Museo para divulgar “as raíces xacobeas de Galicia e albergar valiosos fondos documentais sobre as peregrinacións e a cidade de Santiago”

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe a programación que a Xunta de Galicia está a organizar para conmemorar o 70 aniversario do Museo das Peregrinacións e de Santiago coa que se reforzará a súa conexión co público a través de visitas guiadas teatralizadas, obradoiros, conferencias, concertos ou exposicións.

Como expresou, trátase dunha programación variada e dirixida a todos os públicos coa que a Xunta quere poñer en valor o papel estratéxico dun museo “que alberga algúns dos fondos máis valiosos sobre o culto xacobeo e que leva sete décadas divulgando as raíces xacobeas de Galicia e da cidade de Santiago”, indicou. Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade referiuse á importante actividade complementaria que nos últimos anos desenvolve o museo tanto desde o punto de vista expositivo como cunha ampla programación anual para todas as idades “constatando o seu papel activo na cultura galega que queremos reforzar con esta programación conmemorativa”, declarou.

Así, para dar continuidade a estas actividades, as conmemoracións do 70 aniversario arrancarán este mes de setembro para achegar o museo ao público a través de visitas e teatralizacións. Comezará este venres 17 de setembro cun itinerario e visita teatralizada a cargo da Compañía TEP que partirá ás 18,00 horas da antiga sede do museo, na Casa Gótica da rúa San Miguel. Haberá, ademais, visitas guiadas ao Museo os días 21, 22 ,23, 24 ás 18,00 horas e o sábado 25 ás 12,00 e ás 18,00 horas.

Durante o mes de outubro será a quenda dos obradoiros, conferencias e concertos. Así, o sábado 2 de outubro de 11,30 a 13,30 horas organízanse nos soportais do museo os obradoiros de acibeche, a cargo de Ricardo Rivas, e de ourivería, a cargo de Julio Lado. O venres 8 de outubro prográmase a conferencia Vida de músico na Galiza medieval, a cargo de Francisco Luengo; o sábado 16 os máis pequenos terán a oportunidade de participar nun obradoiro infantil de xoguetes sonoros a cargo de Xaneco a partir das 11,30 horas. Ademais, o sábado 23 ás 19,30 horas a Banda Municipal de Santiago actuará cun concerto de cuarteto de clarinetes ás 19,30 horas.

A programación continuará no mes de novembro. Volverán as visitas guiadas ao Museo os días 2, 3, 4 e 5 ás 18,00 horas e o sábado 6 ás 12,00 horas e ás 17,00 horas. O sábado 6 de novembro Manuel Gallego Jorreto impartirá unha charla a partir das 18,30 horas sobre a construción do Museo das Peregrinacións. O mércores 17 prográmase a conferencia As músicas de Santiago-Videos e paneis de educación a cargo de Fernando Reyes ás 19,30 horas. O sábado 20 Resonet ofrecerá o concerto de música antiga As músicas de Santiago, ás 19,00 horas. Para todas estas actividades será precisa inscrición previa no correo reservas.mdperegrinacions@xunta.gal.

Próximas exposicións

A programación completarase con tres exposicións. Trátase de Próxima Parada, unha mostra que sae do recinto da sala de exposicións para pisar a rúa. Nela, o escultor Álvaro de la Vega rende homenaxe ás mulleres que fan o Camiño de Santiago a través dunha ducia de tallas orixinais en madeira e que se poderá visitar no mes de outubro.

Tamén está prevista a exposición Destino, de Manuel Valcárcel. Trátase dun proxecto fotográfico e audiovisual sobre catro peregrinacións, a de KORA e Saga Dawa no Tibet, a de Grand Magal no Senegal, a de Wirikuta en México e o Camiño de Santiago, que se programará en novembro. Ademais, e de cara ao ano 2022, o Museo das Peregrinacións acollerá a exposición Chacona. O canto de Santiago na construción de Europa, comisariada por Fernando Reyes. A mostra estará centrada no vínculo do Camiño de Santiago coa chacona, unha danza e forma musical que estivo presente na cultura occidental desde principios do século XVI.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/09/2021