A aposta da Xunta polo 5G fai que o porto de Vigo acolla as primeiras probas para a aplicación desta tecnoloxía á vixilancia e seguridade das instalacións portuarias españolas

O Salón de Sesións da Autoridade Portuaria de Vigo acolleu hoxe unha demostración por parte das empresas participantes no proxecto para a identificación de persoas non autorizadas nas lonxas

O Porto de Vigo é tamén o escenario das probas para o uso de naves non tripuladas para a vixilancia marítima

Trátase de dous dos 30 casos de uso 5G que se realizan en Galicia, dos que 12 se están a levar a cabo en Vigo. Neste caso forma parte do proxecto liderado por Orange, cun investimento global de 9 millóns de euros e 13 casos de uso en diferentes sectores, nos que participan 20 empresas e entidades públicas e privadas.

Galicia acolle dous proxectos para o desenvolvemento de produtos baseados na última xeración de tecnoloxía de telecomunicacións financiados por Red.es, o que sitúa a nosa Comunidade na vangarda da análise das aplicacións práctica do 5G

A posta en marcha por parte da Xunta do Plan 5G de Galicia e a creación do NODO de cooperación 5G están a facilitar que esta comunidade se sitúe á cabeza do desenvolvemento de produtos e solucións baseados en 5G en España

Na presentación participaron a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Autoridade Portuaria de Vigo, Red.es e Orange, que liderou o proxecto

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2021

O Porto de Vigo sitúase na vangarda no desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en tecnoloxía 5G aplicadas a instalacións portuarias ao acoller dous casos de uso do proxecto liderado por Orange. Un relativo a vixilancia mariña con naves non tripuladas empregando 5G, e outro para o control automatizado de acceso ás lonxas a través do recoñecemento facial, segundo manifestou hoxe nesta cidade a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira.

O Salón de Sesións da Autoridade Portuaria de Vigo acolleu un acto de demostración da solución para o control automatizado de acceso ás lonxas, un dos 30 que se están a realizar en Galicia, dos que 12 son en Vigo. Esta cidade reafírmase deste xeito na cabeza da adopción do 5G en España. O sistema foi desenvolvido por Orange, que liderou este piloto xunto con Ericsson e Inetum, e forma parte do proxecto liderado pola operadora que inclúe 13 casos de uso, cun investimento global de 9 milóns de euros, financiado por Red.es, e no que colaboran 20 empresas e entidades públicas e privadas.

Na presentación participaron, ademais da directora da Amtega, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Xesús Vázquez Almuiña; a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias; o director de Servizos Públicos Dixitais de Red.es, Francisco Javier García Viaira e representantes das empresa Orange e Inetum.

Galicia é unha das dúas comunidades españolas que acolle dous proxectos financiados por Red.es para o desenvolvemento de casos de uso baseados en tecnoloxía 5G. As adxudicatarias destes proxectos foron Telefónica e Orange. A aprobación por parte da Xunta do Plan Galicia 5G no ano 2018 e a posta en marcha dun espazo a través da colaboración entre as administracións e as operadores de telecomunicacións que se plasma no Nodo 5G de Galicia, sentou as bases para a formación de alianzas e a identificación de casos de uso nos diferentes sectores e coa colaboración de entidades y empresas

Galicia acolle na actualidade 13 casos de uso liderados por Orange e outros 12 por Telefónica. Ademais destes dous proxectos financiados por red.es, na nosa comunidade lévanse a cabo outros 5 pilotos nos que tamén participa Vodafone.

As primeiras probas de uso en Galicia remóntanse ao período 2018-2019. O adianto no impulso desta tecnoloxía fixo que Galicia fora o primeiro lugar do mundo no que se probou a roaming con 5G (entre España e Portugal); e que Vigo e A Coruña foran das primeiras cidades de Europa en dispoñer desta tecnoloxía.

Un total de 16 casos de uso lévanse a cabo na provincia de Pontevedra, 6 na Coruña, 5 en Lugo e tres en Ourense.

O Porto de Vigo é unha das entidades participantes no proxecto, como demandante de solucións innovadoras que dean resposta a diferentes retos vencellados á transformación dixital das instalacións portuarias. O piloto presentado hoxe permite que a persoa encargada do control dos espazos nos que se realizan as poxas de peixe poida identificar posibles intrusos. Para elo emprégase o recoñecemento facial e utilízanse algoritmos de intelixencia artificial en base aos protocolos definidos de acceso seguro a los recintos portuarios

O Porto de Vigo acolle tamén outro dos casos de uso de Orange para a utilización dun sistema baseado en 5G empregando naves non tripuladas para a vixilancia marítima nas augas dependentes da Autoridade Portuaria.

O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Xesús Vázquez Almuiña destacou a importancia de aplicar esta tecnoloxía no Porto de Vigo, xa que "é o futuro" e "forma parte da nosa estratexia de crecemento azul cara aos vindeiros anos", o que traerá "grandes beneficios" para todos os usuarios.

A directora da Amtega, Mar Pereira, lembrou a importancia de situar a Galicia no desenvolvemento de produto baseado nas tecnoloxías de futuro, impulsando o crecemento do ecosistema dixital e a súa especialización tecnolóxica tal como se recolle na Estratexia Galicia Dixital

Por outra banda, sinalou que a tecnoloxía 5G será relevante no desenvolvemento de proxectos dixitais sectoriais pero tamén será imprescindible para que nunha poboación tan dispersa como a de Galicia se poida cumprir o obxectivo de despregamento universal de banda larga ultra rápida fixado pola UE para 2025.

Neste sentido, a Xunta xa trasladou ao Goberno de España as prioridades de Galicia para o despregamento da banda larga ultra rápida. Tamén advertiu na necesidade de dar prioridade á cobertura 5G es infraestruturas estratéxicas para o territorio como son os portos, os polos industriais e de coñecemento, así como as principais vías de comunicación.

Data de actualización: 15/09/2021