O Festival Fisterra Blues Experience organiza unha fin de semana de música e mar co impulso da Xunta no marco do Xacobeo 21-22

A súa quinta edición conta con axuda autonómica a través da convocatoria extraordinaria do Plan de reactivación do sector cultural para contribuír á recuperación das promotoras musicais independentes

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, interviñeron na presentación do evento

O sábado terán lugar a Marcos Coll Blues Reunion e as actuacións de Sés, Los Enemigos e Dj Mil, mentres que o domingo a Fisterra House Band protagonizará Blues abordo e O Semáforo de Fisterra acollerá a sesión Jam no Faro

Fisterra (A Coruña), 15 de setembro de 2021

O festival Fisterra Blues Experience chega esta fin de semana á súa quinta edición, para a que conta co apoio económico da Xunta de Galicia a través da convocatoria extraordinaria de axudas para espectáculos musicais dentro da programación do Xacobeo 21-22. A organización presentou hoxe o cartel que desenvolverá o sábado 18 e o domingo 19 e a través da que busca ofrecer unha experiencia cultural e de ocio coa música e o Atlántico como protagonistas.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, interviñeron hoxe na presentación do festival no Semáforo de Fisterra, xunto aos representantes municipais e a Vítor Velho, de Nordesía Producións, promotora do evento.

Liña específica para as promotoras

O responsable de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade subliñou a calidade desta proposta, que foi seleccionada como unha das 17 iniciativas adxudicatarias da devandita liña específica de subvencións, inserida no Plan de reactivación cultural, para contribuír á recuperación das promotoras musicais independentes fronte ao impacto económico da crise sanitaria.

A través desta medida, a Xunta distribúe 850.000 euros entre 17 ciclos e espectáculos que se desenvolven nas catro provincias ata finais de ano e suman arredor de 100 actuacións, tanto de artistas e grupos galegos como da escena nacional e internacional.

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a coincidencia de que o festival se celebrara no último día en que a Costa da Morte acolle o derradeiro Solpor da Europa continental, “un feito que engade atractivo a esta iniciativa en que se busca o reencontro, a recuperación dos eventos culturais e unha experiencia que axude a gozar da música e dos paraxes, ademais dunha experiencia turística segura”.

Neste sentido, Castro destacou que o conxunto da iniciativa, que inclúe un concerto a bordo dun cruceiro costeiro, compón unha experiencia completa “na que a componente turística tamén está presente, facendo un binomio perfecto coa cultura, co Camiño e no marco deste Xacobeo 2021-2022 que estamos a celebrar”.

A quinta edición do Fisterra Blues Experience dará comezo o sábado coas actuacións no campo de fútbol Ara Solis de Marcos Coll e unha serie de artistas convidados, Sés e Los Enemigos, nunha xornada que contará coa ambientación de Dj Mil. As entradas poden adquirirse a través da web www.enterticket.es.

O domingo a programación completarase con Blues a bordo, onde tocará a banda residente Fisterra House Band, e coa jam session Conexións atlánticas, en ambos casos coas localidades xa esgotadas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/09/2021