As axencias de viaxes xa poden acceder á II edición da liña de axudas para custos de mantemento e aluguer

A directora de Turismo de Galicia presentou esta mañá en Cambre a reedición desta liña de axudas orientada a subvencionar os custos de mantemento dos establecementos físicos das pequenas e medianas empresas das axencias de viaxes

A Xunta destinou só en axudas directas ás axencias de viaxes galegas preto de 4M€ no que vai de ano

As solicitudes deberán presentarse a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta ata o vindeiro 11 de outubro
 

Cambre (A Coruña), 15 de setembro de 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou esta mañá a reedición da liña de axudas orientada a subvencionar os custos de mantemento dos establecementos físicos das pequenas e medianas axencias de viaxes, que a Xunta vén de por de novo a disposición deste colectivo. Fíxoo en Cambre, acompañada do presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal e do presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI), Juan Rivadulla.

Na súa intervención, Nava Castro puxo en valor a resiliencia deste sector e a difícil situación que afrontan, especialmente ás pequenas e medidas empresas, ás que se dirixe esta nova liña de axudas.

“Desde a Xunta levamos apoiando a este segmento desde o comezo da crise, sabedores de que as axencias de viaxes son un colectivo fundamental no conxunto das empresas de servizos turísticos, tanto polo seu traballo de visibilización da oferta turística de Galicia como polo seu labor profesional”, explicou a directora de Turismo de Galicia, quen puxo en valor as diferentes medidas orientadas ás axencias de viaxes postas en marcha pola Xunta e que supuxeron un investimento de case 4 millones de euros no que vai de ano.
Esta liña de axudas ten como obxectivo contribuír ao mantemento da rede de axencias de viaxes como canle principal de comercialización do destino Galicia. Dotada inicialmente con 1,2 millóns de euros, nesta segunda convocatoria está dotada con outros 350.000 euros, que permitirán ás axencias de viaxes incluír gastos derivados do alugueiro dos locais e dos préstamos hipotecarios sobre os locais nos que se desenvolve a actividade da empresa. O importe da subvención será do 90 % para un gasto subvencionable de ata 10.000 euros e do 80 % cando o gasto subvencionable supere esta cantidade.

A orde insírese no marco dun novo paquete de novas medidas de apoio ao sector turístico galego cun investimento total de 15,8 milóns de euros e súmanse ás postas xa en marcha ao longo deste ano 2021 destinadas ao impulso da hostalería e a industria turística galega que suman un total de case 120 millóns de euros, entre os 31,2 millóns de euros das distintas convocatorias destinadas a apoiar a colectivos do sector turístico, concellos ou asociacións, xunto cos case 90 millóns de euros abonados aos hostaleiros galegos a través dos dous primeiros Plans de Rescate da Xunta.

As solicitudes, ás que poderán acceder as axencias de viaxes con domicilio social e fiscal en Galicia, presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal ata o vindeiro 11 de outubro.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/09/2021