A Xunta destaca que o 100% das máis de 151.000 persoas beneficiadas pola Lei de garantías de prestacións sanitarias foron atendidas no sistema público

57.404 cidadáns tiveron acceso a unha proba diagnóstica en menos de 45 días; outros 57.485 tiveron acceso a unha primeira consulta de especialista en menos de 45 días; e 36.288 tiveron acceso a unha intervención cirúrxica en menos de 60 días

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou que a vixencia desta Lei ten permitido que, mesmo en ano de pandemia, as esperas en Galicia para intervencións de prioridade 1 ou para consultas de vías rápidas, fosen as menores da serie histórica

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou hoxe, no Parlamento de Galicia, que un total de 151.175 cidadáns beneficiáronse, ata xuño deste ano, da entrada en vigor, en xaneiro de 2018, da lei de garantías de prestacións sanitarias nos tempos de espera do Servizo Galego de Saúde.

Esta normativa posibilitou, -remarcou o conselleiro-, que 57.404 persoas tiveran acceso a unha proba diagnóstica en menos de 45 días; outras 57.485 tiveron acceso a unha primeira consulta de especialista en menos de 45 días; e outras 36.288 tiveron acceso a unha intervención cirúrxica en menos de 60 días.

Estamos a falar, -incidiu García Comesaña-, de persoas con patoloxías oncolóxicas malignas, con insuficiencia aórtica, con aneurismas cerebrais, neoplasias, carcinomas, hidrocefalia ou desprendemento de retina. Estas máis de 151.000 persoas con patoloxías como as sinaladas “tiveron acceso a un tratamento rápido grazas a esta lei, e ningún deles foi derivado á sanidade privada”.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego remarcou que “a Xunta seguirá a desenvolver esta lei e continuará acelerando o tratamento destes pacientes, e mantendo o gasto en concertos coa sanidade privada por baixo dos que tiñan os grupos da oposición cando gobernaban, como o demostran cada ano os informes do Consello de Contas”.

Tamén remarcou o conselleiro que, nas cirurxías de prioridade 1, entre as que se atopan boa parte das que se benefician da Lei de garantías, a espera media a xuño deste ano é de 14,4 días, “a menor de toda a historia do Sergas dende que hai rexistros, a pesar da pandemia”.

No que respecta ás vías rápidas de cancro, que están recollidas la Lei de Garantías tanto para primeiras consultas como para probas diagnósticas, resolvéronse neste ano en 4,4 días de media, “tamén a menor espera dende que se implantaron”. García Comesaña lembrou que, cando se puxeron en marcha, o obxectivo destas vías rápidas era que ningún paciente con estas patoloxías agardase máis de 15 días e estase na actualidade en 4,4.

Na súa intervención no Parlamento, o responsable da sanidade pública galega destacou outro dato significativo da eficacia desta lei de garantías, como é a comparativa con outras comunidades autónomas. Os últimos datos dispoñibles, a decembro do pasado ano, reflicten que a porcentaxe de pacientes que levan máis de seis meses agardando por unha intervención cirúrxica en Galicia sitúase no 3,9%, a segunda comunidade con menor espera, mentres que noutras comunidades esta cifra sitúase no 25% ou no 27%.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 15/09/2021