Luis López garante a seguridade sanitaria nos centros educativos ante o inicio das clases para 9.500 alumnos de ESO e bacharelato de Pontevedra

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra comproba os protocolos no comezo do curso académico 2021/2022 nunha visita ao IES Sánchez Cantón, que se atopa inmerso nas obras de ampliación e mellora das aulas

A actuación no instituto pontevedrés, que conta cun investimento de 236.000€ por parte da Consellería de Educación, aínda se prolongará durante varias semanas, pero programouse un cronograma para non interferir na actividade lectiva
 

Pontevedra, 15 de setembro de 2021

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, garantíu hoxe a seguridade sanitaria fronte á covid-19 e unha elevada calidade educativa e formativa nos centros públicos na xornada de arranque do curso académico 2021/2022 de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato, ensinanzas que contan con preto de 9.500 alumnos na capital provincial e nos concellos da súa contorna.

O cargo autonómico, acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez, e representantes municipais, achegouse ata o IES Sánchez Cantón para comprobar o funcionamento dos protocolos establecidos pola Xunta e tamén para supervisar as obras de mellora que o departamento autonómico está a realizar neste instituto pontevedrés para ampliar a superficie das aulas co obxectivo de favorecer a súa versatilidade e seguridade sanitaria.

“A máxima seguridade sanitaria e a actividade docente presencial son as máximas que guían a acción da Xunta neste comezo de curso e así será ao longo de todo o ano e estes principios xeneran unha gran confianza nas familias, como se demostrou o pasado ano, porque saben que os centros son espazos seguros. E ademais ofrecen unha altísima calidade educativa, tal e como confirman cada ano o informe PISA e outros estudos e que demostran que temos un dos mellores sistemas de España no que é fundamental o traballo e talento das comunidades educativas”, manifestou.

Luis López quixo dar a benvida aos case 9.500 estudantes de Secundaria e Bacharelato que hoxe comezan o curso nos institutos de Pontevedra e dos municipios da contorna e trasladoulles os seus parabéns en nome da Xunta “pola madurez e responsabilidade amosada nos anos anteriores, moito máis difíciles por mor da pandemia, e pola continuidade que van ter no seu intachable comportamento neste novo curso malia que xa se pode actuar con algo máis de liberdade polo importante avance da vacinación entre as mozas e mozos de máis de 12 anos”.

Por outra banda, o delegado territorial tamén comprobou as obras que se están a desenvolver no IES Sánchez Cantón e que consisten na creación de aulas de maior superficie e na rehabilitación de espazos infrautilizados nun centro que conta con 9.500 m2 e que presenta un bo estado malia os seus 36 anos de antigüidade grazas ás obras realizadas pola Xunta ao longo dos últimos anos.

Esta actuación, que conta cun investimento de 236.000 euros por parte da Consellería de Educación, aínda se prolongará durante varias semanas, pero programouse un detallado cronograma das obras para non interferir na actividade lectiva.

Os traballos céntranse na ampliación das aulas , pero tamén inclúen a adaptación doutros espazos interiores, como departamentos, seminarios e estancias reducidas e mellorando as condicións das aulas de tecnoloxía, laboratorios e salas de música. Ademais, vanse recolocar elementos como mesas, pizarras, proxectores ou tarimas, substituiranse falsos teitos, luminarias e pavimentos, renovaranse sistemas eléctricos e de calefacción e reforzarase a ventilación de xeito natural e tamén con aparellos mecánicos.
 

Data de actualización: 15/09/2021