Fabiola García subliña o éxito da campaña de verán e destaca o comportamento “responsable e comprometido” da mocidade

Puxéronse á disposición da xuventude 7800 prazas, mil máis que o ano pasado, e contratáronse máis de 1200 profesionais do tempo libre

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, subliñou esta tarde no Parlamento o éxito da campaña de verán 2021 que acaba de rematar e destacou o comportamento “responsable e comprometido” da mocidade galega. ‘O verán que mereces’ foi o lema escollido para o programa estival da Xunta que puxo á disposición da xuventude 7800 prazas entre campamentos, minicampamentos, campos de voluntariado e intercambios con outras comunidades.

Fabiola García explicou que esta campaña contou cunha “oferta amplísima e variada, combinando diversión con precaución”. Así mesmo, sinalou que se cubriron o 90% das prazas ofertadas e se contrataron máis de 1200 profesionais do tempo libre para levala a cabo.

Organizáronse campamentos en 35 espazos diferentes da nosa comunidade; campos de voluntariado en 40 localizacións; estadías en 13 aloxamentos turísticos da comunidade a través dos minicampamentos ‘Coñece Galicia’ e cinco intercambios con outras comunidades, que se puideron recuperar este ano logo de quedar suspendidos na pasada edición pola situación epidemiolóxica.

Protocolo
Ademais, a conselleira de Política Social salientou que na campaña foi chave a experiencia adquirida o ano pasado, cando Galicia foi das poucas comunidades que mantivo os campamentos. De novo foi fundamental a correcta aplicación do protocolo establecido pola Xunta, actualizado e adaptado á situación epidemiolóxica. Entre algunhas medidas contempladas destaca a redución do aforo nas instalacións, a formación de grupos pequenos de actividades e a realización de teste antíxenos, un á entrado no campamento e outro á metade da quenda.

Por último, Fabiola García destacou que a campaña de verán se consolida como “unha alternativa de ocio de primeiro nivel, e un referente estatal”, que ten un triplo obxectivo: favorecer a participación de toda a xuventude, mellorar a conciliación das familias e dinamizar o sector da educación de tempo libre.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/09/2021