A Xunta entrega en Ribeira de Piquín os diplomas aos 20 alumnos traballadores do obradoiro ‘O Castro VI’

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a partir de outubro comezará unha nova edición deste taller, compartido cos concellos de Castroverde, Pol, A Pastoriza e Riotorto

A Consellería de Emprego e Igualdade destina 708.900 euros a financiar ambas iniciativas

Ribeira de Piquín (Lugo), 15 de setembro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, entregou hoxe os diplomas aos 20 alumnos traballadores que se formaron no obradoiro de emprego O Castro VI, compartido polos concellos de Ribeira de Piquín, A Pastoriza, Pol, Riotorto e Castroverde. Tamén acudiron os respectivos alcaldes ou, no caso do último concello, a concelleira da área de cultura e educación.

Arias lembrou que os participantes reciben un certificado de profesionalidade que os acredita para exercer traballos na especialidade elixida -actividades auxiliares de conservación e mellora de montes-, ben como asalariados en empresas do sector ou como traballadores por conta propia, dado que tamén adquiren coñecementos específicos orientados ao emprendemento. Ademais, incluíronse incentivos para a contratación de seis alumnos en empresas da contorna durante un mínimo de tres meses.

O delegado sinalou que proximamente dará comezo unha nova edición deste proxecto, “que suporá novas oportunidades laborais para outras 20 persoas desempregadas destes municipios”. A Consellería de Emprego e Igualdade destinará 353.000 euros á iniciativa, que xunto coa que agora remata eleva o investimento a 709.000 euros nos dous últimos anos.

Obras e servizos

Ao tempo que reciben aprendizaxe teórica e práctica, os participantes nos obradoiros de emprego realizan obras e servizos de interese social. Neste caso, levaron a cabo tratamentos silvícolas en camiños, parcelas forestais e zonas verdes dos cinco municipios implicados.

Así, entre outras, en Ribeira de Piquín desenvolveron este tipo de tarefas no Corral (parroquia de Santalla); na Pastoriza traballaron en camiños de Piñón, Gueimonde e Cadavedo e nas zonas verdes das escolas de Álvare e Corbelle e do Muíño da Soidade (Bretoña); e en Riotorto actuaron en parcelas forestais de Galegos e O Franco (Aldurfe), nun camiño da Rebordela e nunha senda de Fonfría (A Muxueira).

Tamén fixeron tratamentos silvícolas en camiños de Valonga, Valincovo (Milleirós) e Hermunde, no municipio de Pol; e nos camiños de Bolaño-Serés, Furís e Covelas-Lamouzán, no concello de Castroverde.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/09/2021