A conselleira do Mar mantivo unha xuntanza con varios representantes de entidades relacionadas coa pesca recreativa

Rosa Quintana lembra que a norma de Portos de Galicia sobre a pesca deportiva autoriza e dá cobertura a unha actividade prohibida desde os anos 70

A titular de Mar insiste en que a resolución publicada polo ente público é froito do acordo acadado coas entidades representativas da pesca de lecer de Galicia e traslada a vontade de diálogo da Xunta para avanzar na autorización desta práctica nos peiraos alí onde sexa posible

O Executivo galego apela á responsabilidade de todas as partes implicadas e á necesidade de traballar da man e ir vendo como se desenvolve esta práctica deportiva na Comunidade, co obxectivo de comprobar se é posible autorizala en máis zonas

O Goberno autonómico defende a necesidade de adoptar todas as medidas de prevención posibles para evitar riscos, tanto nas instalacións como para os usuarios, e que a pesca recreativa sexa compatible coa operativa portuaria e coas necesidades dos distintos sectores profesionais

Portos de Galicia clarificará algúns aspectos da norma para que se entendan cuestións como a vontade de que os menores poidan desenvolver esta práctica sempre que estean acompañados dun adulto

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro con varios representantes de entidades galegas relacionadas coa pesca recreativa ás que lle trasladou o importante paso que supón a publicación da resolución de Portos de Galicia sobre a pesca recreativa nos peiraos autonómicos pois autoriza e dá cobertura a esta práctica en 107 dos 122 portos galegos poñendo fin á prohibición que estaba vixente desde os anos 70.

Por iso, a representante do Executivo galego apelou á responsabilidade de todas as partes implicadas e lembrou que a resolución publicada polo ente público sobre esta actividade é froito do acordo acadado coas entidades representativas da pesca de lecer tras arredor dunha decena de reunións mantidas nos últimos meses. Nesta liña, reiterou a vontade de diálogo da Xunta para avanzar na autorización desta práctica nos portos autonómicos alí onde sexa posible.

Neste sentido, incidiu que a posta en marcha da norma pretende poñer fin á prohibición desta actividade e ás sancións que estaban a recibir algúns afeccionados por pesca ilegal como consecuencia das actas de infracción levantadas polo corpos e forzas de seguridade do Estado nos distintos peiraos autonómicos.

Rosa Quintana incidiu en que desde o primeiro momento se tratou dunha normativa aberta a cambios, coa posibilidade de ampliar as zonas de pesca, dependendo da evolución da actividade e sempre que fose compatible co labor profesional que se desenvolve nos portos. De feito, subliñou que son os técnicos de avaliación de riscos laborais os que dan as pautas sobre onde se pode autorizar esta actividade de ocio ou non para evitar episodios como os que provocaron a morte nos últimos meses de seis persoas alleas á actividade portuaria nos peiraos galegos.

“Sempre que sexa compatible a actividade de ocio coa profesional, desde logo que a autorizaremos, pero temos unha comunidade con 1.600 quilómetros de costa e hai suficiente espazo para realizar as dúas sen que unha interfira na outra. Estamos a regular do mesmo xeito que o fixeron outras comunidades e estamos avanzando no que se acordou no seu día cos representantes dos pescadores deportivos”, explicou a titular de Mar.

Análise da norma

A conselleira do Mar, que estivo acompañada no encontro pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, analizou cos representantes da pesca recreativa as alegacións que presentaron coa finalidade de atender aquelas que busquen favorecer a pesca recreativa nas zonas portuarias, contribúan a minorar os riscos e non impliquen prexuízos para os colectivos profesionais.

Neste sentido, a titular de Mar incidiu en que a Xunta clarificará algúns aspectos da normativa para que se entendan cuestións como a vontade de que os menores poidan realizar esta práctica sempre que estean acompañados por un adulto, como sería o caso dun afeccionado con varios fillos.

As representantes do Executivo galego expuxeron durante a xuntanza a importancia de compaxinar esta práctica co resto de actividades que se desenvolven nos peiraos e a conveniencia de establecer normas e limitacións que fagan compatibles os distintos usos das instalacións. Neste sentido, lembraron que se teñen rexistrado, aínda que sexan minoritarios, comportamentos reprobables dalgúns afeccionados que poñen en risco ao conxunto dos usuarios ademais de usos inadecuados de distintos elementos portuarios.

Por iso, a conselleira de Mar avogou polo diálogo, a responsabilidade e o consenso para avanzar nunha regulación que pretende legalizar a pesca deportiva nos portos autonómicos, pero velando ao mesmo tempo porque o seu desenvolvemento sexa compatible co resto de actividades existentes nos peiraos e que non supoña riscos para o conxunto de usuarios das instalacións.

Na xuntanza estiveron presentes representantes da Asociación Galega en Defensa da Pesca Recreativa (Agapder), da Federación Galega de Pesca e Cásting, da Federación Galega de Pesca Recreativa e da asociación de establecementos de venda de artigos de pesca recreativa, aos que Rosa Quintana lles trasladou o compromiso da Xunta de seguir dialogando e traballando da man co obxectivo de ampliar as zonas de pesca alí onde sexa factible e coas máximas garantías posibles para todos os actores implicados na actividade portuaria.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 15/09/2021