O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou hoxe no Congreso acollido polo Palacio de Feiras e Congresos malagueño

Política Social salienta a importancia da tecnoloxía na mellora dos sistemas residenciais e sociosanitarios no 22º Congreso Nacional de Hospitais e Xestión Sanitaria de Málaga

O director xeral participou na mesa Área temática de Integración para abordar os retos futuros no sistema sociosanitario e no residencial

O congreso recolleu sete áreas temáticas, a primeira As Persoas, seguido de Innovación, Integración, Transformación, Valor, Sostenibilidade e, por último Responsabilidade Social e Corporativa

Málaga, 15 de setembro de 2021

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou hoxe no 22º Congreso Nacional de Hospitais e Xestión Sanitaria acollido no Palacio de Feiras e Congresos de Málaga. Alí formou parte da mesa Área temática de Integración, onde abordou o tema da potencialidade da tecnoloxía como piar fundamental dos novos modelos residenciais.

Durante a súa intervención, Antón Acevedo puxo en valor a presencia da tecnoloxía e a súa incorporación paulatina nas residencias como forma de mellorar a súa autonomía e conseguir mellorar o rendemento do sistema sociosanitario pero, por enriba de todo, a calidade de vida dos nosos maiores, que grazas á incorporación destas tecnoloxías teñen a posibilidade de exercitar as súas capacidades cognitivas e corporais e evitar o estancamento psicolóxico e físico.

Acevedo Prado tamén fixo fincapé en que a sanidade da man das novas tecnoloxías terá como resultado poder alcanzar unha maior atención de pacientes, implantar sistemas máis modernos e ofrecer unha maior calidade nos coidados. Ademais, recordou que no novo sistema de residencias no que se está a traballar, a tecnoloxía será un piar fundamental e complementario.

O congreso recolleu sete áreas temáticas, a primeira das cales céntrase en As Persoas, seguida de Innovación, Integración, Transformación, Valor, Sostenibilidade e, por último, Responsabilidade Social e Corporativa.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/09/2021