A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantivo un encontro co rexedor desta localidade lucense

A Xunta e o Concello de Ribeira de Piquín avalían a implantación dun polígono agroforestal dunhas 17 ha centrado no kiwi e na agricultura ecolóxica

No encontro, Inés Santé sinalou que técnicos da Consellería do Medio Rural se desprazarán á parroquia de Navallos para estudar a viabilidade do proxecto

De levarse a cabo, trataríase dos primeiros polígonos agroforestais de iniciativa privada promovidos ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2021

A Xunta e o Concello de Ribeira de Piquín avalían a implantación na parroquia de Navallos dun polígono agroforestal que se centraría na produción de kiwi e de diferentes cultivos de agricultura ecolóxica, dado o potencial actual destas producións no mercado. Así, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, confirmoulle ao rexedor desta localidade lucense, Roberto Fernández, que técnicos da Consellería do Medio Rural se desprazarán á zona para estudar a viabilidade do proxecto.
Segundo os contactos xa mantidos con titulares dos terreos implicados, esta figura de posta en valor abranguería na referida parroquia unha extensión dunhas 17 hectáreas distribuídas en 300 parcelas. Concibido polo Concello para ser xestionado pola Fundación municipal TerrEo, trataríase -de levarse a cabo- dun dos primeiros polígonos agroforestais de iniciativa privada promovidos ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.
Na xuntanza mantida esta mañá co alcalde de Ribeira de Piquín, a directora xeral lembrou que os polígonos son un dos principais instrumentos contemplados na nova norma para recuperar, neste caso, grandes superficies de terra. Engadiu que, xunto coas aldeas modelo ou coas agrupacións de xestión conxunta, son ferramentas concibidas para crear nova actividade económica no rural, contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte ao lume.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 15/09/2021