Feijóo aplaude o recoñecemento da Ribeira Sacra como Reserva da Biosfera que enxalza o valor singular deste territorio a nivel internacional

Asevera que con esta distinción a Unesco dá consideración global á vocación de Galicia coa preservación da paisaxe

Nogueira de Ramuín (Ourense), 15 de setembro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, aplaudiu hoxe a declaración da Unesco da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel como Reserva da Biosfera; “un recoñecemento -afirmou-, que enxalza o valor singular deste territorio a nivel internacional; un premio á singularidade dun enclave único”.
Só dúas horas despois de coñecer a nova e no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, Feijóo aseverou que con esta distinción a Unesco dá consideración global á vocación de Galicia coa preservación da paisaxe; “unha paisaxe que nos liga co pasado, que vertebra o presente, que nos preservará no futuro e que debemos seguir protexendo entre todos”, aseverou, incidindo en que a Comunidade é e será inflexible cos que queiman o monte, calcinando a riqueza natural, sementando a discordia e liquidando o patrimonio de milleiros de familias.
Así mesmo, afirmou que esta declaración anima a seguir levando o nome da Ribeira Sacra por todo o mundo para que sexa redescuberta, especialmente no marco do Ano Santo bienal. “O turismo sustentado no patrimonio cultural, na viticultura, na gastronomía ou nas rutas por estas fragas integran unha experiencia única”, dixo, facendo fincapé en que a particularidade desta contorna invita a un turismo sosegado, en contacto co medio natural, sen renunciar a ser unha fonte de dinamismo e actividade para esta gran parte do interior do país.
Por outra banda, subliñou que facendo compatible a explotación agrícola e gandeira, a nova Reserva da Biosfera recolle un impulso ás actividades de investigación e xestión sustentable. Entre elas: un Xeoparque Mundial da Unesco, seis zonas de Rede Natura 2000 e outras áreas naturais protexidas.
O titular da Xunta quixo tamén dar as grazas aos membros do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural e da Fundación Juana de Vega por participar na candidatura; así como aos alcaldes e representantes dos 18 concellos lugueses e dos cinco ourensáns, aos presidentes das Deputacións e a todas as entidades como o Consorcio de Turismo e a Denominación de Orixe, “por sumar forzas en aras do interese común”.
Sobre este punto, aseverou que a Xunta seguirá comprometida coa Ribeira Sacra; un apoio reflectido no Pacto pola paisaxe, nas axudas que inclúe a declaración como área de rehabilitación integral supramunicipal, e no resto das medidas que forman parte do desenvolvemento do plan de acción estratéxico da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que compromete investimentos por máis de 4,5 millóns.

“E, unha vez conseguida a distinción desta sétima Reserva da Biosfera de Galicia, seguiremos dando os pasos necesarios para conseguir que a Unesco declare a Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade”, concluíu.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/09/2021