A Xunta remata as obras de mellora do firme na estrada LU-721 na Fonsagrada, ás que destinou 68.000 euros

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a actuación incluíu o repintado da sinalización horizontal en toda a lonxitude da vía, de 12,2 quilómetros

Lembrou que neste municipio o Goberno galego tamén está a reforzar a seguridade viaria en oito puntos do Camiño Primitivo que conflúen con estradas autonómicas, cun investimento de 27.500 euros

A Fonsagrada (Lugo), 16 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de mellora do firme na estrada autonómica LU-721 ao seu paso polo concello da Fonsagrada, ás que destinou 68.000 euros.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou que os traballos consistiron na rehabilitación do pavimento mediante o estendido dun dobre tratamento superficial no treito que discorre entre os puntos quilométricos 8+000 e o 12+000.

Así mesmo, nos primeiros oito quilómetros tamén se fixeron reparacións puntuais do pavimento nalgunhas zonas que o precisaban. Unha vez concluídas as obras, repintouse a sinalización horizontal nos 12,2 km de lonxitude da estrada, que conecta a capitalidade coa parroquia de Vilabol de Suarna.

Arias destacou que a Xunta leva investidos nos últimos cinco anos arredor de 1,8 millóns de euros na mellora das comunicacións viarias na Fonsagrada. Así, lembrou que no ano 2017 destináronse 100.000 euros ao acondicionamento da estrada LU-530; e no 2019 o Goberno galego executou a mellora das vías LU-701, LU-703 e LU-740, por un valor de 1,62 M€.

Ademais, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten actualmente en marcha novas obras de reforzo da seguridade na ruta xacobea en Galicia, incluídos oito puntos do Camiño Primitivo na Fonsagrada que conflúen coas estradas autonómicas LU-740, LU-701 e LU-530. Os traballos, iniciados durante o verán, suman un investimento de 27.500 euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/09/2021