A Xunta de Galicia destina máis de 31.000 euros á Asociación Sociocultural para a Inclusión de Persoas con Discapacidade

O director xeral de Maiores e Persoas con discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou esta mañá a entidade, con sede en Ferrol

O obxectivo desta agrupación é fomentar a participación activa das persoas con discapacidade en diferentes actividades culturais ou lúdicas inclusivas

Coa axuda do Goberno galego a asociación levará a cabo programas de apoio e promoción persoal para persoas maiores e con discapacidade e reformará o seu local

Ferrol, 16 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou esta mañá a Asociación sociocultural para a inclusión de persoas con discapacidade, dedicada a traballar pola plena inclusión a través do fomento de actividades inclusivas culturais e lúdicas.

O director xeral puxo en valor o labor que estas asociacións levan a cabo diariamente para defender os dereitos das persoas que máis o precisan para conseguir unha plena inclusión social e laboral. González Abeijón, acompañado pola xunta directiva da asociación, aproveitou a visita para percorrer as instalacións e participar nunha das actividades que leva a cabo.

A Xunta de Galicia achega a través da liña de axudas do 0,7% do IRPF máis de 20.000 euros para levar a cabo o Programa TECIDIN, que se está a desenvolver nas catro provincias e que beneficia a máis de 300 persoas maiores ou con discapacidade. O obxectivo desta iniciativa é traballar na promoción da autonomía persoal.

Ademais, esta asociación recibiu máis de 11.000 euros para desenvolver o Proxecto REFOR+, co que se pretende levar a cabo unha reforma do local, para melloralo e acondicionalo, de maneira que os usuarios poidan beneficiarse dunha maior comodidade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/09/2021