O titular do Goberno galego mantivo hoxe unha reunión coa vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital

Feijóo traslada á vicepresidenta Calviño a necesidade de aportar solucións á crise industrial e apostar por proxectos que modernicen a economía e consoliden o emprego

En relación aos fondos Next Generation, valora o compromiso da vicepresidenta primeira de avaliar os proxectos prioritarios para Galicia, relacionados co ámbito forestal, agroalimentario, da automoción, co sector aeronáutico e coa sanidade no eido tecnolóxico

Salienta que a conectividade e os obxectivos da banda ancha son esenciais para o progreso de Galicia e, con este fin, pide que se establezan obrigas de cobertura por comunidades tanto na rede fixa como na móbil; así como cobertura fóra de núcleos de poboación, en especial en zonas de importante tránsito de persoas

Incide na oportunidade económica que supón para Galicia e España un Ano Santo bienal e plantexa a posibilidade de ampliar ata o 31 de decembro de 2023 o prazo para aplicar as desgravacións fiscais aos patrocinadores do Xacobeo
 

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe á vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, de aportar solucións á crise industrial e apostar por proxectos que modernicen a economía e consoliden o emprego.

Durante unha xuntanza mantida este mediodía, Feijóo referiuse deste xeito a distintos asuntos clave para a Comunidade, como a distribución dos fondos Next Generation, a dixitalización, a inclusión financeira ou a prolongación das deducións fiscais do Xacobeo ata 2023.

Nun primeiro termo, o titular da Xunta incidiu na necesidade de que se dean a coñecer os criterios de reparto dos fondos. “Trasladeille o interese de Galicia de poder competir co resto dos proxectos que se presenten e, por iso, a cogobernanza e o coñecemento das condicións e criterios de elixibilidade son cuestións moi importantes”, abundou.

Nesta liña, valorou o compromiso da vicepresidenta primeira de avaliar os proxectos prioritarios para Galicia, relacionados co ámbito forestal, agroalimentario, da automoción, co sector aeronáutico e coa sanidade no eido tecnolóxico; así como a necesidade de que o naval conte co seu propio PERTE.

No contexto da crise industrial que atravesa Galicia, Feijóo reiterou a preocupación polos 16.000 postos de traballo en perigo en sectores clave como o electrointensivo, o enerxético, o forestal ou a cadea mar-industria, afectando especialmente á comarca de Ferrol, Eume e Ortegal.

Por outra banda, e no eido da dixitalización, Feijóo salientou que a conectividade e os obxectivos da banda ancha son esenciais para o progreso de Galicia. “E con este fin solicitamos que se establezan obrigas de cobertura por comunidades autónomas tanto na rede fixa como na móbil; así como cobertura fóra de núcleos de poboación, en especial en zonas de importante tránsito de persoas”, precisou.

Sobre os problemas cos caixeiros no rural, solicitou á vicepresidenta primeira que o Goberno, xunto co Banco de España e a CNMC, active un marco normativo común para regular a prestación universal destes servizos.

Finalmente, o presidente da Xunta aproveitou o encontro para incidir na oportunidade económica que supón para Galicia e España un Ano Santo bienal e, neste senso, plantexou a posibilidade de ampliar ata o 31 de decembro de 2023 o prazo para aplicar as desgravacións fiscais aos patrocinadores do Xacobeo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/09/2021