A conselleira do Mar asistiu á toma de posesión do novo presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao

A Xunta destaca a diversificación dos tráficos como un dos principais retos dos portos de Ferrol e San Cibrao para impulsar a economía no norte de Galicia

Rosa Quintana lembra que a culminación da conexión ferroviaria ao porto exterior de Caneliñas contribuirá a diversificar o negocio marítimo e converter o peirao nunha dársena intermodal atractiva para toda a costa atlántica

O Executivo galego salienta a importancia de que os peiraos interior e exterior de Ferrol e o de San Cibrao estean coordinados tanto entre eles como cos do resto da comunidade para avanzar na concepción de Galicia como un único porto

Ferrol, 17 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe que un dos principais retos de futuro aos que se enfronta a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao é a diversificación dos seus tráficos, o que contribuirá a aumentar a súa actividade e a impulsar o desenvolvemento da zonas industriais da comarca ferrolá e da Mariña lucense.
A titular de Mar explicou durante a toma de posesión do novo presidente da entidade portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, que a reactivación dos tráficos é un dos principais desafíos da entidade para facer fronte a episodios como o peche da central térmica das Pontes, as incertezas sobre o futuro de Alcoa ou as dificultades derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus.
A representante do Executivo galego deu a benvida ao novo responsable da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e mostrou a súa confianza en que a súa traxectoria profesional -fundamentalmente na empresa privada, pero cun breve paso pola Administración pública- lle permita superar todos eses retos e que os portos de Ferrol e San Cibrao sigan sendo unha das pancas económicas da zona norte de Galicia.
Nese obxectivo de reactivar os tráficos, Rosa Quintana subliñou como un aspecto fundamental a culminación da conexión ferroviaria co porto de Caneliñas, unha infraestrutura que facilitará a diversificación do negocio marítimo e a conversión do porto nunha dársena intermodal e atractiva para a costa atlántica.
Outro dos retos, destacou a conselleira do Mar, é a coordinación das tres áreas portuarias de Ferrol-San Cibrao -o porto exterior de Caneliñas, o interior e o de San Cibrao- entre elas e co resto de entidades da comunidade para avanzar nunha configuración portuaria que permita entender Galicia como un único porto e mellorar os resultados no conxunto dos peiraos da comunidade.
A titular de Mar tamén agradeceu o labor desenvolvido polo presidente saínte, Indalecio Seijo, por liderar a entidade nun contexto adverso polas dificultades derivadas da pandemia pola covid-19.

O novo presidente

Francisco Barea conta cunha dilatada traxectoria na empresa privada tanto na dirección e supervisión de estudos e proxectos de estradas, obras hidráulicas e urbanizacións como na dirección e supervisión de servizos de dirección de obra civil. Na Administración pública ostentou, desde outubro do ano pasado ata o seu nomeamento como novo presidente da autoridade portuaria, o cargo de director do Instituto de Estudos do Territorio, un organismo autónomo vencellado coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 17/09/2021