Lorenzana resalta o apoio da Xunta á iniciativa emprendedora que sitúa a Galicia como a comunidade con maior peso do emprego autónomo de mulleres

A conselleira de Emprego e Igualdade clausurou en Santiago de Compostela a xornada Talento Empresarial Feminino que a Xunta organizou coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG)

O 41% do total de persoas autónomas na comunidade son mulleres

A Xunta investiu nos últimos 10 anos case 151 millóns de euros en programas nos que favoreceu a cualificación profesional de máis de 58.000 mulleres

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe a xornada Talento Empresarial Feminino, organizada pola Xunta en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Un encontro que enxalzou por dar “visibilidade o traballo que a muller está a realizar como motor empresarial e como elemento estrutural, tanto da economía como da sociedade galega”.

Tal e como lembrou a conselleira, as mulleres ocupan na actualidade o 25,3% das posicións en consellos de administración, pero “de seguro xogarán un papel moito máis protagonista no empresariado galego ao longo dos próximos anos”.

Neste sentido, Lorenzana resaltou o apoio que a Xunta está a brindar a iniciativa emprendedora feminina en Galicia, que chegou a representar un 65% en 2019. “A muller está a ter unha maior presenza no ámbito do emprego autónomo, representando a finais de agosto de 2021 o 40,89% do total das persoas afiliadas ao RETA (fronte ao 36% que representan en España), constituíndose así Galicia como a Comunidade Autónoma con maior peso do emprego autónomo feminino a nivel estatal”, remarcou.

Tamén na Economía Social, un dos eixos estratéxicos da Consellería de Emprego e Igualdade, as mulleres destacan por riba da media do Estado.

A xornada contou coa presenza de mulleres de éxito do tecido empresarial galego de sectores como a automoción, a nanotecnoloxía, o conserveiro ou o vinícola, entre outros. Todas elas representan, segundo resaltou Lorenzana, “un claro exemplo de esforzo e superación e visibilizan o liderado de moitas outras”.

Lorenzana reivindicou a involucración de todos para mudar perspectivas e educar a sociedade, en beneficio das mulleres que están pero tamén de todas as que virán detrás e trasladou o seu desexo de “avalar con firmeza a importancia de contar con liderado feminino para facer fronte aos retos que temos por diante”.

Neste contexto, o Goberno da Xunta está a traballar para facer medrar o emprendemento e o liderado feminino en Galicia a través de iniciativas como o programa Emega , que entre o 2009 e o 2020 permitiu financiar 902 proxectos liderados por mulleres e crear case 1.600 postos de traballo femininos. “Todos eles proxectos reais, asentados no noso territorio e que contan cunha muller ao fronte da súa creación, consolidación e posicionamento no tecido empresarial galego, e as que hoxe estamos a recoñecer o seu esforzo e valía”, afirmou a conselleira.

“Formar en clave feminina resulta fundamental para acadar unha maior presenza das mulleres no ámbito empresarial galego e impulsar a súa promoción profesional”, engadiu Lorenzana, quen apuntou que a Xunta de Galicia investiu nos últimos 10 anos case 151 millóns de euros en programas nos que favoreceu a cualificación profesional de máis de 58.000 mulleres. Trátase de programas como o Son Executiva, que está a formar en liderado feminino a un total de 400 mulleres galegas cada ano ou Medrando Xuntas, dirixido a mellorar as habilidades directivas das mulleres que forman parte da economía social.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/09/2021