'Ourense Universo Literario' concentra dúas semanas de propostas culturais para todos os públicos co apoio da Xunta

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación da proposta, ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22

Cándido Pazó, Emilio Rúa, Teatro Sarabela. Avelino Gónzalez, María do Ceo e Lucía Álvarez pasarán polo emblemático Liceo de Ourense entre os días 18 de setembro e 3 de outubro

Ourense, 17 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou este mediodía ao presidente do Liceo de Ourense, Javier Casares Mouriño, na presentación de Ourense Universo Literario. De Ourense e desde Ourense para o mundo, impulsado pola Xunta de Galicia a través do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou a “ampla programación” desta proposta cultural que reúne música, literatura e teatro e que supón “a proxección da nosa lingua desde Ourense ao mundo enteiro”. Ademais, recoñeceu o traballo do Liceo de Ourense a prol do idioma e a literatura galegas así como o patrimonio cultural ourensán a través de seis actividades de diferente índole que se repartirán entre os días 18 de setembro e 3 de outubro.

Programa variado para todas as idades

O actor e director Cándido Pazó será o encargado de abrir a programación mañá sábado co espectáculo Ourense sementando polo mundo, unha narración de como os emigrantes galegos foron espallando polo mundo as nosas tradicións orais, os nosos contos e a nosa literatura. De seguido, na fin de semana do 25 e 26 de setembro, subirán ao escenario o cantautor ourensán Emilio Rúa co seu concerto íntimo A canción de autor de Ourense, e Teatro Sarabela, coa obra O Secuestro da Bibliotecaria, unha peripecia divertida a refrescante que aposta polos valores da solidariedade e ao amor á literatura para público maior de seis anos.

Xa en outubro, o día 1 o actor e director Avelino González narrará a vida e obra do intelectual ourensán Vicente Risco en Risco Contando a todo Risco. O sábado 2, a artista María do Ceo presentará o seu concerto Ourensanía, no que pon en valor escritores ourensáns como Carlos Casares, Celso Emilio Ferreiro, Castor Elices, Eduardo Blanco Amor, Luis González Tosar, Manuel de Dops ou X.L. Méndez Ferrín. O programa cultural rematará o domingo 3 co recital As mulleres na poesía ourensá, da actriz Lucía Álvarez, un intenso percorrido pola poesía dos poetas e das poetisas ourensáns que fixeron e fan de Ourense un universo literario único.

Os horarios poderán consultarse na páxina web do Liceo de Ourense. Para poder asistir a calquera dos actos será preciso reservar unha butaca de forma presencial, na secretaría do Liceo, ou a través do teléfono 988 220 650.

Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22

Este fondo, que na súa segunda edición está a impulsar un milleiro de accións culturais na nosa lingua, é un repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, puxo en marcha ao abeiro do Plan de reactivación do sector cultural para ofrecerlle á cidadanía contidos de ocio en lingua galega ao tempo que apoia economicamente o sector cultural.

Data de actualización: 17/09/2021