A Xunta informa aos entes territoriais sobre os plans de sustentabilidade turística cos que Galicia optará aos fondos europeos extraordinarios

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo hoxe unha reunión informativa cos representantes de distintas asociacións e organizacións locais e supramunicipais

Supoñen unha importante oportunidade para seguir avanzando na reactivación do sector en Galicia nos próximos años

Neste foro, informouse tamén das xestións realizadas por Turismo de Galicia co Goberno central e expúxose o borrador do plan territorial desta convocatoria
 

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia organizou hoxe un foro informativo para dar a coñecer os plans de sustentabilidade turística cos que Galicia optará á convocatoria extraordinaria de fondos europeos e que supoñen unha oportunidade para a reactivación do sector na Comunidade autónoma.

Neste encontro participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente do Cluster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, así como representantes das administracións locais e supramunicipais, colectivos sectoriais e entidades do sector turístico, que puideron coñecer os detalles sobre as convocatorias abertas actualmente: o Plan Nacional Xacobeo e o Plan Extraordinario relacionado co litoral.

Na reunión, por parte de Turismo de Galicia, tamén participaron a directora de Competitividade de Turismo de Galicia, María Baleato; e a xefa da área de Calidade e Proxectos Europeos de Turismo de Galicia, Laura González-Dopeso.

Na súa intervención, Nava Castro, informou ademais sobre as xestións realizadas por Turismo de Galicia co Goberno central a través da Secretaría de Estado de Turismo, (SETUR), así como das reunións que se mantiveron nos últimos meses coas asociacións e entidades locais supramunicipais galegas relacionadas coa xestión e a promoción do turismo.

Ademais, neste foro deuse tamén resposta en directo a todas as consultas que realizaron os participantes e informouse sobre as próximas convocatorias que se abrirán con fondos Next Generation.

O Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Destino de Galicia para a primeira convocatoria extraordinaria de fondos europeos supón unha oportunidade excepcional para a reactivación, impulso, modernización e mellora da competitividade do sector do turismo na Comunidade galega.

Galicia presentará un Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Destino atendendo a unha prioridade de actuación cada ano: litoral, no ano 2021; enogastronomía, no 2022; e vilas termais e cascos históricos, para o 2023. Estes plans constituirán a folla de ruta para o deseño das Actuacións de Cohesión entre Destinos (ACD) e dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Galicia.

Durante o foro presentáronse tamén as propostas de actuacións de cohesión nas que está a traballar a Xunta no marco do Plan Nacional Xacobeo para o que se contempla un Plan de Sustentabilidade Turística en Destino orientado a facer de Galicia un destino cicloturista, un proxecto para a revalorización da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla (Ruta Traslatio) e o desenvolvemento do Plan Director dos Camiños de Santiago en Galicia para o período 2021-2027, con actuacións de melloras nos albergues e ampliación da rede pública, creación de puntos de información, deseño de mobiliario, conservación dos Camiños ou atención ao peregrino.
 

Proceso participativo

Para garantir un proceso participativo, desde a Xunta de Galicia establecéronse diferentes canles para a información e divulgación da Estratexia de Sustentabilidade Turística en Destino e para a recepción de aportacións por parte de empresas do sector, entidades públicas, fundacións, asociacións, entidades locais e outros organismos.

Así, nos últimos meses desenvolvéronse reunións, en modalidade virtual e presencial, nas que se facilitou información sobre a Estratexia e se identificaron os retos e necesidades do sector con concellos, xeodestinos, deputacións, autoridades portuarias, sector privado, ente outros.

O obxectivo con este intercambio de información co ecosistema de turismo galego foi o de recoller aportacións e propostas para establecer os mecanismos máis axeitados para materializar a colaboración entre a Administración e o sector privado e axustala ás demandas que os responsables do sector teñen detectadas.

Neste proceso participativo, no que se inscribe tamén a reunión informativa celebrada hoxe, tense en conta a necesidade de transformación do modelo turístico de Galicia atendendo a criterios de sustentabilidade e transformación dixital, aprendendo de experiencias de outros territorios e aproveitando o coñecemento internacional que os axentes do ecosistema teñen no relativo ao turismo de destino.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/09/2021