A Xunta destaca a internacionalización do destino Galicia con probas como o Xacobeo 6mR Europeans 2021

A directora de Turismo de Galicia e o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participaron na entrega dos premios dunha competición que combina turismo, deporte e gastronomía

Galicia acolleu esta competición internacional no marco da programación do Xacobeo 21-22

Sanxenxo (Pontevedra), 18 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participaron na entrega de premios do Xacobeo 6mR Europeans 2021 no Real Club Náutico de Sanxenxo, a competición internacional de vela que volveu situar a Galicia no centro do turismo naútico.

Nava Castro valorou moi positivamente a organización da regata, enmarcada na celebración deste Xacobeo 21-22, e destacou a importancia de apoiar este tipo de competicións como eixo de desenvolvemento dun turismo cun maior valor engadido, que contribúe a incrementar o prestixio da marca Galicia e a súa presenza internacional.

A directora de Turismo de Galicia tamén fixo fincapé nas inmellorables condicións para a navegación das que gozan as rías galegas e as excelentes infraestruturas e dotacións das que convirten a Galicia nun destino ideal para acoller este tipo de probas.

Ademais da interrelación entre turismo e deporte, a Xunta participa tamén no evento a través de máis de 20 empresas certificadas por Galicia Calidade que ofreceron tanto a regatistas e participantes como ao público en xeral degustacións de diferentes produtos avalados con este selo de garantía.

Neste sentido, o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, puxo de manifesto a gran maridaxe que supón deporte e gastronomía, sinalando a calidade dos expositores colaboradores como Estrella Galicia, Finca Millara, Adega dos Eidos, Bico de Xeado, La Central Heladera, Cabreiroá, Freshcut, Nor-Ibérica de Bebidas, Ingapán, Rosa de los Vientos, Coren, Torre de Núñez, Sadepor, Rianxeira, Confitería Cerviño, Pementos Carmucha, Pazo de Vilane, Avícola de Galicia, Patatas Conde, Puerto de Celeiro, Luis Escurís Batalla, Altos de Torona ou Regina Viarum.