A Xunta avoga porque Conta Láctea sexa recoñecida como fonte de datos de consulta pública para permitir o seu uso como referente na negociación dos prezos

Os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e de Defensa do Monte responderon varias preguntas na Comisión 7ª do Parlamento

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta avoga porque a aplicación de cálculo de custos Conta láctea, posta en marcha polo Goberno galego, sexa recoñecida como unha fonte de datos de consulta pública consonte á normativa vixente para permitir a súa utilización como referente na negociación dos prezos do leite. Así o defendeu esta mañá no Parlamento o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, en resposta a unha pregunta sobre este asunto na Comisión 7.ª

O director xeral explicou os obxectivos e a funcionalidade desta aplicación informática, que naceu hai pouco máis dun mes. Así, sinalou, a principal finalidade de Conta Láctea é mellorar a xestión económica das explotacións e tamén a capacidade negociadora dos gandeiros diante dos primeiros compradores de leite.

Para iso, a aplicación -creada ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo- permite, entre outras cousas, controlar os investimentos e os custos de produción e concretar canto custa producir un litro de leite e -o máis importante- a que prezo se pode vender. Ademais, outras vantaxes que ofrece son, por exemplo, o feito de ser de balde, ter un acceso sinxelo vía web, un manexo moi intuitivo e a posibilidade que aporta de emitir unha conta de resultados completa e un informe cos resultados obtidos. Este informe está pensado, precisamente, para empregarse por parte dos gandeiros como elemento de negociación do seu contrato coa industria, de tal xeito que o prezo percibido polo leite, de acordo coa lexislación, non poida ser inferior ao seu custo de produción.

Por outra banda, o director xeral informou tamén á Cámara sobre o Plan de pastos de Galicia. Esta iniciativa, indicou, contempla actuacións en varias fases por un importe global de case 9,5 millóns de euros en máis de 2.400 hectáreas de 68 montes veciñais. O total de pasteiros rematados e previstos ascende a 71.

José Balseiros salientou que a primeira fase do plan rematou xa a comezos deste ano e que actualmente se está executando a segunda, estando prevista a súa finalización nos primeiros meses de 2022. Con ambas, hoxe en día xa están executadas ou comprometidas actuacións en 40 pasteiros, cunha superficie de preto de 1.500 hectáreas e cun investimento de máis de 5 millóns de euros.

O principal obxectivo deste plan de pastos, que se desenvolve en terreos de montes veciñais en man común, é aumentar a superficie dispoñible para as gandarías existentes ou de nova implantación, de forma que poidan incrementar a súa base territorial, ao tempo que se incide na prevención dos incendios forestais. Outras vantaxes que ofrece son as de mellorar a viabilidade das explotacións, así como o benestar dos animais, mellorar os ecosistemas agroforestais e impulsar a xestión das comunidades de montes, ao poñer parte da súa superficie en produción, tal e como explicou o director xeral.

Loita contra os incendios

Pola súa banda, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, incidiu na necesidade de avaliar series estatísticas históricas para poder adoptar, con fundamento, decisións relacionadas coa mellora da operatividade do persoal e dos medios de loita contra o lume. Neste sentido, lembrou que os dous últimos exercicios (2019 e 2020) caracterizáronse pola tendencia á baixa tanto do número de incendios como da superficie afectada, con respecto á serie histórica dende 1989.

Por último, sobre a probabilidade de que se produzan incendios nesa área, insistiu en que, analizada a causalidade da gran maioría destes lumes, esa posibilidade está ligada á intencionalidade. Nesta liña, reclamou unha maior sensibilización, por parte da poboación, á hora de loitar contra este problema.
 

Data de actualización: 17/09/2021