O Sergas oferta 394 prazas nas oposicións que se celebran esta fin de semana

Están convocados un total de 714 aspirantes para o sábado, para a cobertura de 209 prazas de facultativo especialista, e outros 838 aspirantes están convocados para o domingo, para cubrir 185 prazas de distintas categorías de facultativos especialistas, médico de urxencias e técnico superior de radioterapia

En total, o Servizo Galego de Saúde realizará probas selectivas para cubrir 1.311 prazas entre o 18 de setembro e o 24 de outubro

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

Esta fin de semana van ter lugar no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra), os exames da fase de oposición da oferta pública de emprego para cubrir 394 prazas en diversas categorías no Servizo Galego de Saúde.

O sábado día 18 están convocados os aspirantes a cubrir 209 prazas de facultativo especialista de área das especialidades de alergoloxía, anatomía patolóxica, anxioloxía e cirurxía vascular, cirurxía cardiovascular, dermatoloxía médico-cirúrxica e venereoloxía, endocrinoloxía e nutrición, hematoloxía e hemoterapia, medicina do traballo, medicina física e rehabilitación, medicina nuclear, neurocirurxía, neurofisioloxía clínica, oncoloxía médica, otorrinolaringoloxía, reumatoloxía, uroloxía, xeriatría e médico de admisión e documentación clínica. A entrada das persoas aspirantes dará inicio ás 9:30 horas.

O domingo día 19, a partir desta mesma hora, están convocados 838 aspirantes das categorías de facultativo/a especialista de área de obstetricia e xinecoloxía, psicoloxía clínica, médico/a de urxencias hospitalarias e técnico/a superior de radioterapia, para cubrir 185 prazas. Delas, 85 corresponden a facultativo de área (294 aspirantes), 89 a médico de urxencias (378 aspirantes) e 11 de técnico superior de radioterapia (166 aspirantes).

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.

Medidas de seguridade e organizativas no desenvolvemento das probas

Debido ao contexto sanitario actual derivado da pandemia, elaborouse un protocolo de medidas de seguridade e organizativas no desenvolvemento dos procesos selectivos do Servizo Galego de Saúde, que contén as medidas preventivas e os medios necesarios para protexer a seguridade e saúde das persoas implicadas en tales procesos.

Entre outras medidas están a supresión do chamamento dos aspirantes no exterior do recinto de realización das probas; a acreditacion para o acceso efectuarase a través de código QR; e cada aspirante terá asignado un número de posto de exame que deberá ocupar para a realización das probas. Ademais, a cumprimentación dos datos identificativos da folla de respostas efectuarase pola propia persoa aspirante no seu posto de exame; habilitaranse no lugar de realización das probas espazos diferenciados de especial vulnerabilidade para os aspirantes inmunodeprimidos; embarazadas, etc, e está definido un protocolo de actuación a seguir para o suposto de que algún aspirante, durante a realización das probas, aprecie síntomas compatibles coa covid. En definitiva, medidas que contribuirán a unha maior axilidade no desenvolvemento das probas e a unha redución do contacto interpersoal.

As persoas convocadas terán dispoñible en Fides un código QR coa información do lugar, data e hora de realización das probas, así como a porta de acceso e número de mesa a ocupar. A entrada será axilizada co uso de código QR para identificación.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/09/2021