O titular do Goberno galego reuniuse esta semana con Juan Antonio Muñoz Codina, responsable do Polo do Grupo Stellantis dedicado á produción de vehículos comerciais lixeiros

Feijóo defende seguir impulsando da man de Stellantis o proxecto Autoancora para solicitar ao Goberno que o inclúa no reparto de fondos europeos

Destaca que se trata dunha das iniciativas tractoras da candidatura Next Generation Galicia e que, cun investimento de 1.300 millóns euros, busca desenvolver na Comunidade a automoción do futuro a través da sustentabilidade, a dixitalización e as novas tecnoloxías

Lembra a predisposición da Xunta a apoiar calquera iniciativa do Executivo central que implique a construción dunha fábrica de baterías en Galicia

Resalta a importancia de que exista un compromiso conxunto de todas as administracións, dentro das súas competencias, para acompañar ao sector galego nun contexto actual marcado a nivel internacional polo problema dos microchips
 

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, defendeu a necesidade de seguir impulsando o proxecto AutoAncora, unha das iniciativas tractoras da candidatura Next Generation Galicia e coa que a industria galega da automoción e a Xunta buscan a implicación da Administración central para poder optar aos fondos europeos de recuperación. Así llo trasladou nunha reunión a Juan Antonio Muñoz Codina, encargado de liderar o novo Polo do Grupo Stellantis dedicado á produción de vehículos comerciais lixeiros -unha rede de factorías entre as que se encontra a planta de Balaídos en Vigo-.

O presidente autonómico aproveitou o encontro para trasladarlle o compromiso da Xunta de seguir apostando pola colaboración público-privada como a mellor fórmula para consolidar as posibilidades de que o proxecto AutoAncora poida formar parte da asignación final de fondos europeos Next Generation que realice o Goberno central.

De feito, cómpre lembrar que se trata dun proxecto promovido polo conxunto da industria galega da automoción -o Grupo Stellantis, as empresas auxiliares representadas a través de Ceaga e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG)- co apoio da Xunta. Esta iniciativa, que prevé un investimento final que se aproxima aos 1.300 millóns de euros, aposta pola automoción do futuro co foco posto
na sustentabilidade, a dixitalización e as novas tecnoloxías, o que se traducirá en oportunidades para avanzar en novos modelos e solucións innovadoras no caso de lograr esta asignación de fondos europeos.

No marco deste compromiso trasladado polo presidente da Xunta a Muñoz Codina de seguir cooperando no impulso de proxectos que impliquen o desenvolvemento da industria da automoción galega, tamén se circunscribe a posibilidade de que Galicia forme parte dos futuros plans que se recollan na asignación de fondos europeos por parte do Goberno para a construción dunha planta de baterías. Neste sentido, a Xunta xa ten mostrado ao Executivo central a súa predisposición a apoiar calquera iniciativa que se traduza no desenvolvemento desta factoría en Galicia de cara ao futuro.

Durante a reunión, Núñez Feijóo e Muñoz Codina tamén avaliaron a situación que atravesa o sector a nivel internacional pola crise dos microchips. Neste punto, o presidente da Xunta avogou pola necesidade de que exista un compromiso conxunto no que todas as administracións acompañen ao sector en Galicia dentro das súas competencias.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/09/2021