A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou hoxe acompañada do delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, as actuacións que a Xunta prevé executar o vindeiro verán e sobre as que os veciños poderán presentar suxestións ata o 3 de novembro

A Xunta somete a información pública a 1ª fase de acondicionamento da PO-546 en Estribela, no Concello de Pontevedra, no que investirá 870.000 euros

Reforzarase a seguridade viaria e mellorarase a mobilidade nun treito de 500 metros da vía autonómica a partir do acceso ao Porto de Marín, polo que circulan máis de 5.500 vehículos ao día e con alto tránsito peonil

Ampliaranse as beirarrúas ata un mínimo de 2 m e anchearase puntualmente a vía, ademais de instalarse 26 luminarias de baixo consumo, habilitar 3 pasos de peóns sobreelevados con iluminación intelixente e renovarse as marquesiñas

Pontevedra, 20 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, deu conta hoxe do inicio do proceso polo que se somete a información pública a primeira fase de acondicionamento da estrada PO-446 en Estribela, no concello de Pontevedra, que suporá un investimento autonómico de 870.000 euros.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentou hoxe o proxecto destinado a reforzar a seguridade viaria e a favorecer a mobilidade no treito inicial desta vía autonómica, máis coñecida como a estrada vella de Marín.

Subliñou que a intervención suporá actuar ao longo dun treito de 500 metros da vía autonómica, desde a glorieta de aceso ao porto de Marín, cuxos veciños tamén se beneficiarán da actuación. Este treito da vía rexistra un tráfico intenso -máis de 5.500 vehículos ao día-, está moi urbanizado e ten características fundamentalmente urbanas, polo que tamén conta con moito tránsito peonil, cuxa seguridade se procura agora reforzar.

A publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia do inicio da información pública do proxecto ten efectos expropiatorios, de forma que todos os interesados poden presentar as súas achegas desde mañá e ata o vindeiro 3 de novembro.

A conselleira informou de que co obxectivo de que coñezan polo miúdo as actuacións proxectadas, técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas reuniranse esta mesma semana cos veciños , nunha xuntanza na que recollerán tamén as súas demandas.

O obxectivo da Xunta é licitar as obras no primeiro trimestre do vindeiro ano e poder iniciar as obras xa no verán do 2022. Os traballos contarán cun período de execución de 12 meses.

Ethel Vázquez destacou que con este proxecto se mellorarán os itinerarios peonís da PO-546 en Estribela, humanizando o treito, moi urbano, e incrementando a seguridade viaria. Así, ampliaranse as beirarrúas ata un mínimo de 2 metros para facilitar os desprazamentos a pé e gañar accesibilidade. Ademais, levarase a cabo a ampliación puntual da estrada nalgún punto, o que fará necesario executar actuacións complementarias complexas, dados os fortes desniveis existentes. Para iso será preciso construír unha estrutura en voadizo e un muro de contención, demoler edificacións en ruína e desuso, e executar un recheo.

Ademais, disporanse 26 luminarias de menor consumo, habilitaranse 3 pasos de peóns sobreelevados, con iluminación intelixente e se renovarán as marquesiñas. Os traballos completaranse, finalmente, co fresado e estendido do firme, a reposición da drenaxe e dos servizos afectados e a sinalización das marcas viarias.

Segundo explicou a conselleira, para darlle continuidade a esta 1ª fase de acondicionamento e mellora da estrada PO-546, o departamento que dirixe acaba de adxudicar un estudo do tráfico global da estrada e da súa contorna, coa fin de actuar no resto da vía.

Indicou que o estudo avaliará a viabilidade técnica, económica, ambiental e social das distintas alternativas para mellorar a funcionalidade e a seguridade viaria desta estrada. Entre elas, engadiu, a posibilidade de habilitar unha senda peonil e/ou ciclista ao longo da estrada; a conexión con outros itinerarios xa existentes ou previstos; a creación de zonas de aparcadoiro disuasorio ou a mellora das paradas do transporte público.

Vázquez Mourelle subliñou o traballo do Goberno galego nos últimos anos para mellorar a rede viaria da Xunta ao seu paso polo concello de Pontevedra, con actuacións como as da estrada PO-531, onde se está a executar a senda peonil da Devesa; a senda de Alba, xa rematada; ou a intervención que se está a impulsar en Xeve.

Finalmente a conselleira, puxo en valor estas actuacións do Goberno galego, que enmarcan a política de estradas da Xunta no modelo de crecemento verde da Unión Europea. Nestes días se celebra a Semana Europea da Mobilidade, que versa sobre a “Mobilidade sostible, saudable e segura”, baixo o lema ‘Pola túa saúde, móvete de forma sostible’.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/09/2021