A Xunta asina co concello da Laracha a colaboración para executar a ampliación da rede de abastecemento deste municipio cun investimento de 1,8 M €

Executaranse as infraestruturas hidráulicas prioritarias para facer fronte á demanda de auga no municipio en época estival e dar servizo no futuro ao parque empresarial

A Xunta cofinanciará as actuación nun 80%, coa achega de 1.480.000 €, e o Concello o importe restante, 370.000 €

Ampliarase a potabilizadora, construirase un novo bombeo e un novo depósito de auga potable, para dar servizo á poboación estimada de 8.559 habitantes no horizonte do 2034

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local
 

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde da Laracha, José Manuel López, asinaron esta mañá nas dependencias da Consellería, en San Caetano, o convenio para a mellora da rede de abastecemento do municipio, cun investimento de 1,8 millóns de euros.

O acordo recolle a execución, nesta primeira fase, das infraestruturas hidráulicas prioritarias para facer fronte á demanda de auga no municipio en época estival e dar servizo no futuro ao parque empresarial.

O departamento que preside Ethel Vázquez apoiará ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais cofinanciando a actuación nun 80%, coa achega de 1.480.000 euros. As obras serán financiadas pola Unión Europea, no marco do eixe REACT UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.

Augas de Galicia tamén levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras ata completar a súa finalización e formalizar os correspondentes actos de recepción.

Pola súa banda, o Concello da Laracha contribuirá ao financiamento do 20%, cun investimento de 370.000 euros, comprometéndose a someter o proxecto das obras a información pública, así como a pór á disposición os terreos necesarios para levar a cabo as actuacións.

A Administración local tamén asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

Actuacións a executar

O abastecemento do concello da Laracha presenta importantes déficits derivados, fundamentalmente, da falta de presión de auga nalgunhas zonas e da falta de capacidade de almacenamento para facer fronte ás demandas de auga en época estival.

Ademais, no futuro, desde a estación de tratamento de auga potable abastecerase ao parque empresarial da Laracha, o que fai que a actual infraestrutura hidráulica precise dunha ampliación.

Deste xeito, as actuacións obxecto do convenio asinado hoxe concéntranse, nesta primeira fase, na ampliación da estación de tratamento de auga potable, na construción dun novo bombeo e dun novo depósito de auga potable, que mellore o funcionamento da rede de abastecemento deste concello.

Con esta intervención a poboación servida no ano horizonte 2034 estímase en 8.559 habitantes.

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/09/2021