A Xunta entrega os diplomas aos 20 traballadores que se formaron no obradoiro de emprego Santa Isabel

Foi promovido polos concellos de Outeiro de Rei, Castro de Rei e Cospeito e financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 347.000 euros

Terá continuidade nunha proposta similar que comezará en outubro, con novos participantes, obras e servizos
 

Outeiro de Rei (Lugo), 21 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, entregou hoxe os diplomas aos 20 alumnos traballadores do obradoiro de emprego dual Santa Isabel IV, que foi promovido polos concellos de Outeiro de Rei, Castro de Rei e Cospeito e financiado pola Xunta con 347.000 euros. No acto participaron tamén os respectivos alcaldes, José Pardo, Francisco Balado e Armando Castosa.

Ao abeiro desta iniciativa, sete persoas desempregadas formáronse en traballos de Carpintaría e moble, outras tantas en Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización, e seis en Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos.

Arias subliñou que os obradoiros supoñen unha oportunidade laboral para os participantes, que reciben un certificado de profesionalidade que os acredita para exercer o oficio elixido; ademais, fomentan o emprendemento, xa que se imparte formación específica neste eido.

Nesta liña, lembrou que nas vindeiras semanas dará comezo o obradoiro dual Camiño da Chaira VI, tamén compartido polos tres municipios con idéntico financiamento da Consellería de Emprego e Igualdade, ao que se incorporarán outros 20 traballadores para adquirir formación teórica e experiencia laboral mediante un contrato de traballo.

Ao tempo que reciben formación teórica e práctica, os participantes realizan obras e servizos en beneficio dos veciños e veciñas dos municipios promotores. Neste caso, os alumnos traballaron na dixitalización e organización do arquivo municipal de Outeiro de Rei; elaboraron mobiliario urbano e outros elementos de madeira e moble en Castro de Rei, e pavimentaron varias rúas e prazas en diversos núcleos de Cospeito.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/09/2021