A Xunta adxudica a redacción do proxecto construtivo para a mellora da rede de saneamento na parroquia de Gueral, no Concello da Peroxa

Os traballos, que suporán un investimento autonómico de case 18.000 euros, contan cun prazo de execución de 6 meses

Aténdese así a solicitude do Concello de estudar unha solución aos problemas actuais da rede de saneamento municipal desta parroquia

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou a redacción do proxecto construtivo para a mellora da rede se saneamento na parroquia de Gueral, no concello da Peroxa.

Este contrato, cun investimento autonómico de preto de 18.000 euros, foi adxudicado á empresa Diagrama Ingeniería Galicia S.L. O prazo de execución para a redacción do proxecto é de 6 meses.

Este contrato dá resposta á solicitude realizada polo Concello da Peroxa a Augas de Galicia para a elaboración dun proxecto construtivo no que se recolla unha solución aos problemas actuais da rede de saneamento municipal desta parroquia.

Deste xeito, mediante este contrato o proxecto construtivo deberá recoller os pozos de rexistro que se precisen nos distintos ramais, así como unificar os vertidos nos lugares axeitados. Tamén se considera axeitado incluír a reposición dos servicios afectados e os pavimentos das vías afectadas polas obras.

Para a definición a nivel construtivo das actuación necesarias para a mellora da rede de saneamento municipal, estudaranse as distintas alternativas para proceder, a continuación, á redacción do anteproxecto, que inclúe os documentos necesarios para levar a cabo as tramitacións ambientais, as consultas a outras administracións e, no caso de seren necesarias, as expropiacións.

Finalmente, redactarase o proxecto construtivo, que incluirá todo o detalle da información incluída nos traballos, a través da memoria, planos, pregos e orzamento, que será a necesaria para poder licitar as obras.

Data de actualización: 21/09/2021