A Xunta destaca a necesidade de promover o uso da madeira na construción para dar impulso á bioeconomía

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema, participou hoxe en Madrid no ‘Congreso Nacional de Arquitectura Avanzada y Construcción 4.0’ enmarcado no Rebuild2021

Destaca o apoio da Administración galega aos procedementos de certificación na industria a través de diferentes liñas de apoio ao investimento en tecnoloxías, a segunda transformación das pemes ou a organización de actividades formativas non regradas

Madrid, 22 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta tarde no Congreso Nacional de Arquitectura Avanzada y Construcción 4.0, enmarcado no evento Rebuild2021, que se está a levar a cabo estes días no recinto feiral de Ifema de Madrid co obxectivo de mostrar casos de éxito referentes no sector –conta coa presenza de firmas galegas como Finsa e a Fundación Arume–, novos materiais e solucións, as últimas tecnoloxías e os sistemas construtivos máis innovadores.

Durante a súa intervención no foro Diseñando el futuro con madera sostenible, Lema apuntou á necesidade de promover o seu uso na construción, un dos compromisos da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación co ánimo de fomentar os principios da sustentabilidade aplicada aos novos materiais, a dixitalización e a descarbonización.

“Cremos na industria forestal como elemento central para o impulso da bioeconomía, dando resposta así ás necesidades da sociedade e traballando en liña cos obxectivos de desenvolvemento sostible e as estratexias europeas de innovación”, afirmou, ao tempo que destacou o papel deste material tamén na rehabilitación de espazos.

Así, a Xunta de Galicia demostra esta aposta a través de proxectos como o deseñado na candidatura galega aos fondos europeos, o TechMadeira (38M€), que impulsará a construción neste material e levará a dixitalización e a innovación ás empresas forestais. Ademais, Lema quixo sinalar a utilización da madeira en edificios públicos como é o caso das fiestras na remodelación do edificio administrativo da Xunta de Galicia en San Caetano, a Escola da Galiña Azul da Baiuca (en A Estrada) ou o centro de saúde da Laracha.

Neste sentido, a Xunta fomenta os procedementos de certificación forestal, da conservación e da restauración dos ecosistemas e da súa biodiversidade, en coordinación con outros departamentos da Administración autonómica.

O director de Xera nomeou a este respecto varios dos programas de axudas cos que conta a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, destinados a investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais; á valorización e á segunda transformación das pemes da industria forestal e do contract; ou para a organización de actividades formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento, a competitividade e a innovación da industria forestal.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/09/2021