A Xunta conclúe o trámite ambiental da modificación do PXOM de Sanxenxo para delimitar o núcleo de Major

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de emitir un informe no que descarta efectos ambientais significativos derivados da proposta municipal

A finalidade dos cambios urbanísticos que se queren introducir é recoñecer como solo de núcleo rural este asentamento costeiro de recente formación

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia acaba de finalizar o trámite ambiental da modificación puntual número 8 do PXOM de Sanxenxo que ten por obxecto delimitar o núcleo rural de Major, un asentamento de recente formación localizado no bordo costeiro e froito do elevado interese turístico desta zona.

Unha vez analizada a proposta, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu un informe ambiental no que conclúe que os efectos ambientais que se agardan non se consideran significativos e, por conseguinte, descarta sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

En todo caso, o órgano ambiental si que establece unha serie de determinacións que deberá cumprir o Concello de Bueu, na súa condición de promotor. Así, a modificación terá que conter o estudo de paisaxe que esixe o regulamento da Lei de protección da paisaxe de Galicia, un documento proporcionado e específico ao lugar e ás características da ordenación.

Igualmente, trasladaranse á normativa do planeamento as medidas recollidas no borrador para favorecer a integración visual do novo aparcadoiro proxectado, ao tempo que se suxire establecer medidas para a recuperación e rexeneración ambiental do aparcadoiro espontáneo existente ao suroeste do ámbito delimitado.

Con este informe ponse fin á tramitación do expediente por parte do órgano ambiental e, por conseguinte, a modificación do planeamento promovida polo Concello de Sanxenxo para recoñecer e delimitar como solo de núcleo rural o asentamento de Major poderá continuar coa súa tramitación urbanística.

Data de actualización: 23/09/2021