O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, participa na Conferencia General de Política Universitaria

A Xunta lamenta que a Lei do Sistema Universitario sexa unha oportunidade perdida para a súa reforma e adaptación ao futuro

O anteproxecto do Ministerio non conta coa opinión das comunidades autónomas, que son o principal piar do financiamento destas institucións

A indefinición e a vaguidade no proceso de elaboración do texto por parte do departamento de Manuel Castells colleita o descontento de todas as partes implicadas

Non se avanza nun modelo de gobernanza parella aos cambios vividos pola Universidade nos últimos 20 anos

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro, participou esta mañá na Conferencia General de Política Universitaria, na que se analizou o anteproxecto de Lei Orgánica do Sistema Universitario. Un texto que, tal e como explicou o representante galego, é unha oportunidade perdida para acometer unha reforma real e unha adaptación destas institucións académicas ao futuro.

Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade sinalou como primeiro erro a indefinición e a vaguidade no proceso de elaboración do texto por parte do Ministerio de Universidades, quen primeiro fixo unha consulta inicial, sen centrar temas de debate e interese, e que despois elaborou e aprobou en Consello de Ministros un proxecto sen diálogo coas comunidades autónomas, o principal piar do financiamento das universidades.

Neste sentido, Díez de Castro sinalou que esta forma de proceder xerou o rexeitamento unánime de todas as partes implicadas. En calquera caso, a Consellería remitirá preto dun cento de emendas ao texto, de cara á súa consideración.

O secretario xeral de Universidades insistiu en que a nova Lei Orgánica do Sistema Universitario debe ser un texto con vocación de permanencia, que dote a esta institución académica, clave para o desenvolvemento dunha sociedade avanzada, dunha estabilidade normativa necesaria á marxe dos cambios políticos e sociais. “Debe ser un texto que aborde con ambición todas as melloras que os diferentes axentes implicados levan dúas décadas plantexando e que nos permita solucionar problemas estruturais que se veñen arrastrando”, dixo. “En definitiva, a Universidade merece unha lei elaborada por consenso e aprobada por maioría”, incidiu.

Sen memoria económica real

Respecto do financiamento universitario, o representante da Xunta de Galicia explicou que, tras o proceso de elaboración, o primeiro erro do texto é a ausencia dunha memoria económica real na que se cuantifiquen os custos asociados á posta en marcha das medidas previstas, “o que supón outro escollo á hora de valorar a efectividade da reforma e a posibilidade real de cumprir coas súas determinacións”.

A este respecto, lamentou ademais que non se teña en conta ás comunidades autónomas, das que as universidades teñen unha forte dependencia económica. “Neste apartado era imprescindible unha negociación cos gobernos autonómicos xa que, na práctica, as obrigas impostas na norma recaerán nas dispoñibilidades orzamentarias das comunidades”, sinalou.

Aínda que o texto inclúe cuestións positivas, como a determinación dunha estrutura de financiamento que xa cumpre o plan galego na actualidade e a obrigatoriedade de desenvolver unha contabilidade analítica, a redacción renuncia a fixar unha estrutura común para todas as CCAA.

Gobernanza

Finalmente, o secretario xeral de Universidades lamentou a indefinición do texto no relativo á gobernanza, propoñendo dous sistemas alternativos para a elección dos reitores, o que é unha dobre falsa posibilidade e ademais non se asemella á evolución do modelo de elección adoptado por outros países.

Así mesmo, sinalou que o anteproxecto queda obsoleto no referido á investigación, dado que sigue facendo referencia só aos institutos, malia que as estruturas de investigación teñen evolucionado de forma moi considerable nas últimas dúas décadas.

Data de actualización: 23/09/2021